Aprobación Definitiva da Modificación Puntual do PXOM de Mugardos (A Coruña)

ORDE do 21 de maio de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Mugardos (A Coruña)

concello_MugardosO Concello de Concello de Mugardos remite a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Mugardos dispón na actualidade dun Plan xeral de ordenación municipal que foi aprobado definitivamente polo Concello Pleno do 19 de outubro de 1999.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu, o 5 de agosto de 2012, non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. A arquitecta municipal emitiu informe favorable o 3 de setembro de 2014, cunha consideración sobre os chafráns entre aliñacións; e o secretario municipal, o 9 de setembro de 2014, sobre o procedemento de tramitación da modificación (artigo 85.1 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural en Galicia).

4. A modificación non foi sometida a informe previo á súa aprobación inicial (artigo 85.1 da Lei 9/2002) por canto a modificación non afecta a clasificación do solo, a intensidade de uso nin os sistemas xerais previstos no plan (artigo 93.4 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia).

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 26 de setembro de 2014. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario de Ferrol do 8 de novembro de 2014, La Voz de Galicia do 10 de outubro e Diario Oficial de Galicia do 22 de outubro). Non foron presentadas alegacións conforme o certificado do secretario municipal do 13 de xaneiro de 2015.

6. Consta informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas do 10 de abril de 2015.

7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 30 de xaneiro de 2015.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación ten por finalidade o cambio das aliñacións da rúa das Lagoas no seu entroncamento coa rúa Francisco Yáñez (a estrada autonómica AC-130 Mugardos-Ares).

2. A rúa das Lagoas, situada en terreos clasificados polo plan xeral vixente como solo urbano, está proxectada cun largo de 10 m, agás no seu entroncamento coa AC-130, en que se reduce a aproximadamente a 8 m de largo dispostos cunha cesión maior na parte norte.

3. A modificación redebuxa as aliñacións, establecendo un largo de 10 m en toda a rúa e dispoñéndoa na intersección coa AC-130 de forma simétrica respecto do eixe da vía existente.

4. A modificación supón mellorar en xeral a accesibilidade do cruzamento, concretamente cara á escola infantil municipal, reaxustando as superficies en canto ao uso e á propiedade.

III. Análise e consideracións.

1. Os obxectivos expostos constitúen razóns de interese público da modificación puntual, conforme o exixido no artigo 94.1 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. A modificación proposta é coherente cos obxectivos sinalados no proxecto e non afecta intereses públicos urbanísticos de índole supralocal.

3. Cómpre observar que a parte norte do entroncamento da rúa das Lagoas coa AC-130 se grafa sen chafrán ou curva de acordo ningún, cando estas solucións de encontro entre aliñacións aparecen en todas as vías grafadas no plano 2.6 do plan xeral que ordena o contorno do ámbito da modificación, o que dá lugar a unha ordenación incoherente con este. O informe da arquitecta municipal do 3 de setembro de 2014 sinala que, con independencia de que non se trace nas aliñacións, é de aplicación o artigo 78 do PXOM, que exixe chafráns en todos os encontros de aliñacións. Así mesmo, o artigo 224 da normativa do PXOM exixe o chafrán especificamente na ordenanza SU-SD de solo urbano semidenso.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Mugardos nas aliñacións da rúa Lagoas, deixando constancia expresa de que na beira norte do entroncamento da rúa Lagoas coa AC-130, grafada sen chafrán, resulta de aplicación o artigo 78 do PXOM, que exixe chafráns en todos os encontros de aliñacións.

Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.


DOG nº106 do 8 de xuño de 2015

Deja un comentario

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.