Amplíase ata 2021 o prazo para cancelar ou finalizar os convenios entre a Xunta e as Comunidades de Montes

06/12/2016 – Campogalego.org

A Xunta prorroga ata o 2021 a vixencia dos convenios cos montes veciñais. As comunidades sen débedas poderán cancelar sen máis os acordos. Aquelas cun saldo negativo deberán liquidar as cantidades adebedadas ou asinar un contrato temporal de xestión pública con Medio Rural

montes_lugoOs montes veciñais que viñan xestionando parte ou toda a súa superficie por medio de convenios ou consorcios coa Administración terán ata o 31 de decembro do 2021 para cancelar ou finalizar eses acordos. Nun principio, a Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012) sinalaba que os convenios e consorcios tiñan que rematar entre 2017 e 2018, pero a Xunta ten previsto ampliar ese prazo ata o 2021 por medio da lei de acompañamento do presuposto do 2017, que previsiblemente se aprobará en febreiro no Parlamento.

A prórroga na vixencia dos acordos cos montes veciñais posterga o desenlace do conflicto aberto entre a Administración e parte das comunidades. O motivo dos desencontros radica nas contas dos convenios e consorcios. Cando a contabilidade de Medio Rural amosa que nun monte dado tivo máis gastos que ingresos, a Consellería reclámalle ás comunidades o pago da diferencia. O problema radica en que, con frecuencia, as comunidades non están de acordo con eses cálculos ou mesmo poñen en cuestión que existan os investimentos que afirma ter feito a Administración.

A prórroga na vixencia dos convenios posterga o desenlace do conflicto aberto entre a Xunta e parte das comunidades

Que pasará entón coas comunidades que presenten débedas cando finalicen os convenios, no 2021? As comunidades cos números en positivo non terán problema para cancelar os consorcios ou convenios cando queiran, a máis tardar o 31 de decembro do 2021. No caso dos montes veciñais con débedas, a Administración ofrece tres saídas.

A primeira, finalizar o convenio e que os titulares do monte procedan a aboar o saldo debedor, ben por medio dun pago único, ben por medio dun plan de devolución plurianual. A segunda alternativa, finalizar o convenio e asinar un contrato temporal de xestión pública. Nese contrato de xestión pública, a Xunta fará constar a débeda da comunidade, a fin de saldala cos ingresos futuros que xenere a xestión do monte.

Terceira vía, as Sofor

Ata aquí non hai novidade co que xa era coñecido. A terceira opción que proxecta ofrecer agora Medio Rural indica que, “sen prexuízo do anterior”, o saldo debedor considerarase liquidado cando a comunidade de montes veciñal constitúa ou pase a formar parte dunha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor).

As comunidades con débedas terán a opción de liquidalas constituíndo ou integrándose nunha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor)

As Sofor son unha figura que se puxo en marcha co obxectivo de agrupar a xestión de propiedades particulares, na idea de reducir o minifundio, pois a superficie media das parcelas particulares non supera en Galicia os 2-3 ferrados de media.

O uso das Sofor para as comunidades de montes, que no peor dos casos teñen decenas de hectáreas de superficie, non estaba previsto nun principio, se ben as intencións da Xunta apuntan a unha reformulación do cometido das Sociedades de Fomento Forestal, que ata o de agora tiveron unha escasa implantación na comunidade.

Solución para as cortas de propietarios particulares en comunidades de montes

Cando se clasificaron os montes veciñais en man común, houbo propiedades particulares que pasaron a estar catalogadas como monte veciñal. Esa catalogación, que naquel intre e en anos posteriores, non se correspondía co uso real da terra, estivo a xerar problemas nos últimos anos, pois cando as persoas que estaban aproveitando o monte quixeron cortar as súas masas, atopáronse con que non se lles concedía a autorización, ó estar catalogadas as terras como monte veciñal.

Para que se leven a cabo os aproveitamentos, será imprescindible un acordo público entre a comunidade e a persoa interesada

A Xunta proxecta agora unha solución, tamén a través da lei de acompañamento dos presupostos do 2017. A Administración prevé que se poida considerar persoas titulares dos aproveitamentos forestais a aqueles individuos que tivesen plantado parcelas situadas dentro de montes veciñais dun xeito público, pacífico e non interrompido.

Para que eses aproveitamentos individuais se poidan levar a cabo, será indispensable que a persoa interesada e a comunidade de montes formalicen un acordo de cesión dos dereitos de aproveitamento mediante unha escritura pública.

A escritura deberá recoller, de xeito obrigatorio, catro elementos: o acordo favorable da asemblea da comunidade, o recoñecemento das dúas partes de que o terreo é de propiedade comunal, o canon a percibir pola comunidade de montes e a renuncia do particular a calquera dereito que puidese ter sobre a parcela unha vez rematado o aproveitamento.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s