A transformación do patrimonio galego en campos de fútbol ou urbanizacións

25/10/2016 – Historiadegalicia.gal

Galicia ten un longo e rico patrimonio, tanto que ás veces é difícil protexelo todo. E non será por falta de ganas de colectivos veciñais ou activistas da nosa historia. Sen embargo, malas praxes nos concellos, PXOMs obsoletos e a ignorancia ou mala fe da xente –segundo se vexa– fan que moitos dos nosos castros morran esquecidos baixo campos de fútbol, urbanizacións, eucaliptais ou vertedeiros.

Xa demos conta aquí do castro o Monte da Fame, en Santa María de Guísamo, que ten a penosa honra de ser o único castro de Galicia convertido nunha fábrica de colchóns. Pero, non é o único en situación ruinosa. Hai outros, por duro que pareza, que están en peor situación.

Castro Seoane, en Antas de Ulla, cun campo de fútbol no seu interior / FB Canibalismo urbanístico. Maltrato da Paisaxe

Castro Seoane, en Antas de Ulla, cun campo de fútbol no seu interior / FB Canibalismo urbanístico. Maltrato da Paisaxe

É o caso de Castro Seoane, en Antas de Ulla, que de castro só ten o nome da rúa que alí se atopa. É é que este sitio arqueolóxico, tal e como denuncia o FB ‘Canibalísmo urbanístico. Maltrato da paisaxe‘ ten un campo de fútbol chantado na croa cunhas gradas que son as murallas do castro. Pero é que a maiores, o ben patrimonial ten chantado un polideportivo na entrada do castro e as piscinas no antecastro.

Tamén o Castro de Regoelle, en Dumbría, tal e como denuncia José Manuel Caamaño, ten outro campo de fútbol no interior da croa, ademais dun poste e unha liña eléctrica que o cruzan dun lado a outro. No de San Pedro de Cangas de Foz hai un cemiterio e unha igrexia no seu interior.

Perdidos entre urbanizacións

Outros xa están completamente desaparecidos en medio de urbanizacións. É o caso do Castro de O Redondo ou de O Muíño, en San Paio de Navia, Vigo. Catalogado desde 1986, a súa estrutura apenas é visible xa que está dividido en varias propiedades con grandes chalés construídos, precisamente, nesa época, a 50 metros da liña do mar. Tal e como conta Cristóbal Ramírez no seu blogue na contorna tamén hai petróglifos afectados.

Tamén as urbanizacións destrozaron o castro da Atalaia, en San Cibrao. Un destrozo que tivo lugar en época recente, a finais da década pasada e co consentemento da Dirección Xeral de Patrimonio. Tamén nese mesmo concello un polígono empresarial estragou máis de 4.000 metros cadrados do castro do Coído, no que se atopou abundante material cerámico castrexo. E outra urbanización invade o castro de Canide, en Oleiros, do que xa practicamente non queda nada da súas estruturas orixinais.

Castro da Atalaia, en San Cibrao, destrozado por unha urbanización / vieiros

Castro da Atalaia, en San Cibrao, destrozado por unha urbanización / vieiros

Pero peor sorte correron outros sitios arqueolóxicos, como o de Cociñadoiro, situado en Punta Langosteira e sobre o que se construíu o Porto Exterior da Coruña. Escavouse na súa totalidade a principios do ano 2005 aparecendo 23.000 obxectos dos que só foron inventariados 9.687 que están nun almacén da autoridade portuaria da Coruña á espera da publicación dos achados. De feito, e segundo o arqueólogo Ramón Boga, Cociñadoiro era o castro máis antigo da provincia da Coruña.

Outros, aínda que conservan as súas estruturas orixinais, están en situación de perigo inminente polas actividades que neles se realizan, ben sexan agrarias ou ben como vertedoiros. Neste caso atópase no Courel o castro de Megoxe. Este poboado prerromano rodeado polo antigüo curso do río Lor, que lle serviu de foso defensivo ten vertedoiros das estradas, torres eléctricas, vertedoiro municipal de lixo, torre de sal para sacar o xeo das estradas e plantación de piñeiros.

O castro do castelo de monte, en Mondoñezo, desfeito por unha plantación de eucaliptos / Mariña Patrimonio

O castro do castelo de monte, en Mondoñezo, desfeito por unha plantación de eucaliptos / Mariña Patrimonio

Destrozados por madeireiros ou actividades agrícolas

Outros, como o castro de Trelle, en Toén, sufriron destrozos considerables polo uso de maquinaria. Así, durante a corta dos árbores do seu interior foi danado seriamente o muro defensivo en cinco puntos diferentes. O mesmo aconteceu co Castelo do Monte da Arca, un castro de Mondoñedo que sufriu un impacto brutal logo da plantación dun eucaliptal na súa croa.

Castro de Regoelle, cun campo de fútbol e torres eléctricas na croa / José Manuel Caamaño

Castro de Regoelle, cun campo de fútbol e torres eléctricas na croa / José Manuel Caamaño

Pola súa banda, o Castro das Baradas, en Lugo, está moi arrasado polas labores agrícolas que aínda hoxe se efectúan dunha maneira intencionadamente agresiva co fin de achairar os pequenos desniveis que quedan entre a croa e o foso. O mesmo acontece no castro da Barbeira, en Santa Comba, do que só queda o pequeno rastro que deixaron as súas defensas no terreo agrícola en forma de pequenas lombas. Está pois totalmente disimulado e integrado nas propiedades agrícolas.

Estes son só uns exemplos dos moitos casos de castros completamente esquencidos ou destrozados que temos no país. Se sabes dalgún máis non dubides en denuncialo para que, polo menos, non morran no esquecemento.

Fonte: Lista vermella de patrimoniogalego.net

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s