Unha reflexión sobre os incendios que afectan Galicia

19/08/2016-Campogalego.com

A primeira quincena de agosto saldouse con 37 incendios forestais de entidade, dos que 25 se desenvolveron nas comarcas occidentais. Medio Rural prevé actuacións para previr a erosión e axudas para os montes afectados

incendios_montesEn Galicia, hai parroquias onde a noticia do verán sería que non houbese incendios. Outras levan décadas sen ver un lume. O sector forestal decatouse xa hai anos dunha realidade que se adoita cumprir cada verán. A maioría dos incendios forestais ocorre sempre nos mesmos sitios, en tanto o resto do territorio de Galicia permanece libre de lumes. A vaga de fogos de agosto seguiu ese guión, con poucas sorpresas.

Se se analizan os 37 lumes dos que informou a Consellería do Medio Rural entre o 1 e o 18 de agosto, compróbase que 25 –dous de cada tres- rexistráronse no Eixo Atlántico. Outros 7 declaráronse na provincia de Ourense, en tanto Lugo só tivo 3 e un deles, o de Cervantes, foi con toda probabilidade un dos poucos de orixe non intencionada, pois xurdiu a partir dos lóstregos dunha tormenta.

O maior lume do verán deuse nunha parroquia, Mourentán (Arbo), que rexistrara 35 incendios no último lustro

Comarcas conflitivas

Gran parte dos incendios do Eixo Atlántico concentrouse en zonas de tradicional conflitividade, como Condado-Paradanta (4), comarca de Pontevedra-Terra de Montes (7), Barbanza-Arousa (5) e Costa da Morte (4). Cinco deles declaráronse ademais en parroquias de alta actividade incendiaria (Paai) -en amarelo no mapa-, así catalogadas pola Xunta pola reiteración de lumes e/ou pola dimensión que acadan.

Foi o caso do maior lume do verán, o de Mourentán (Arbo), que calcinou máis de 1.700 hectáreas. Esa parroquia xa rexistrara 35 incendios nos últimos 5 anos e levaba máis de 2.000 hectáreas queimadas desde hai unha década. Cinzas sobre cinzas. Na mesma circunstancia está tamén unha parroquia veciña, a de Arbo (Arbo), que acumulaba 38 incendios no último lustro e que este agosto sufriu un máis, que se saldou con 100 hectáreas calcinadas.

Outros tres lumes da franxa occidental de Galicia tiveron como escenario unha parroquia de alta actividade incendiaria: Soutomaior, Carreira (Ribeira) e A Ameixenda (Cee). Que explica este alto número de lumes ano tras ano nas mesmas parroquias ou nas mesmas comarcas?

“Se tivésemos puntos negros nas estradas e non fixésemos nada para correxilos, que diría a sociedade?”(Francisco Dans, AFG)

Multicausalidade

O sector forestal -asociacións de propietarios, investigadores e colectivos profesionais- considera que cada zona ten as súas propias causas. Pode ser -din- que haxa unha tradición de uso do lume para a xestión do territorio (limpeza do mato), poden ser conflitos locais, solventados vía chisqueiro, poden ser casos de persoas concretas con desequilibrios ou outros factores. O abanico de posibilidades é múltiple, pero hai coincidencia na necesidade de abordar o problema caso por caso.

“Se tivésemos unha serie de puntos negros localizados nas estradas galegas e non fixésemos nada para correxilos, que diría a sociedade?”, preguntábase Francisco Dans, da Asociación Forestal de Galicia (AFG), nunha entrevista que se lle fixo o verán pasado.

A Administración semella coincidir na análise e comprometeu no Plan de Defensa contra Incendios (Pladiga) 2016 un estudo sobre os usos do territorio nas parroquias con alta actividade incendiaria. Trátase de concretar que factores pode haber detrás dos lumes para buscar solucións.

Se non hai lume onde o monte dá cartos, non será que o abandono é un factor clave nos incendios forestais?, razona o sector


Parroquias de alta actividade incendiaria

En Galicia hai catalogadas 67 parroquias como de alta actividade incendiaria. O 60% (42) está na provincia de Ourense, que este mes de agosto mantivo un ‘perfil baixo’, con só 7 lumes de dimensión superior ás 20 hectáreas.

A antítese dos tradicionais puntos negros atópase na Mariña lucense, unha comarca que pasa verán tras verán sen a penas lumes de relevancia, a pesar da súa dimensión forestal, con decenas de miles de hectáreas a eucalipto.

O sector forestal pregúntase se non será precisamente esa valorización forestal do monte, unida a un clima máis favorable, a que explique a escaseza de incendios. Se non hai lume onde o monte dá cartos -razonan-, non será que os lumes se producen onde hai maior abandono da actividade agrícola, gandeira e forestal?.

O monte produtivo non arde se non vai alguén prenderlle lume un día de 30 graos e vento forte” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

“O monte produtivo non arde se non vai alguén prenderlle lume un día de 30 graos e vento forte”-valora Jacobo Feijoo, de Asefoga, colectivo forestal vinculado a Unións Agrarias-. “Eses días, propicios para o avance das lapas, o monte arderá, sexa raso, con eucaliptos, con carballos ou con castiñeiros. O incendio atravesará entón mesmo cortalumes e só se poderá parar en prados e terras de labor. Daí a importancia da ordenación do territorio. Os lumes son máis un problema de desenvolvemento rural que de política forestal”, conclúe.


Reunións de Medio Rural nas zonas afectadas

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, está a programar encontros cos alcaldes, comunidades de montes e asociacións gandeiras das zonas afectadas polos lumes. Días atrás mantivo unha reunión en Porto do Son e para hoxe tiña previsto un encontro similar na provincia de Pontevedra.

A Consellería acometerá actuacións de ‘mulching’ (cobertura morta do solo) para previr a erosión e quere axilizar a corta de madeira queimada

O obxectivo da Consellería pasa, en primeiro lugar, por deseñar accións inmediatas naquelas cuestións máis urxentes, como pode ser a prevención da erosión e do arrastre de cinzas polas futuras choivas. Para evitar esa erosión, acometeranse actuacións de mulching nas zonas con maiores perigos. En segundo lugar, Medio Rural pretende axilizar a corta da madeira queimada para impulsar o antes posible a repoboación dos montes afectados.

En Porto do Son houbo tamén compromisos para o restablecemento dos peches para o gando extensivo e para axudar ós apicultores, que sufriron tamén danos nas colmeas e que perderon boa parte da área de alimento das abellas.

Axudas

A conselleira confirmou ademais unha nova liña de axudas para restituir os danos, “tanto os sufridos polas persoas como polos montes afectados”. Estas achegas virán de fondos da Vicepresidencia, Facenda, Medio Ambiente e da propia Consellería do Medio Rural.

ACTUALIZACIÓN (20/8/2016)

Medio Rural mantivo onte unha reunión do Comité de Coordinación Policial Antiincendios, tras a que desvelou que a pasada semana houbo 400 focos incendiarios en Galicia. A maioría deuse controlado antes de que se transformasen en lumes de dimensións. No que vai de ano, as forzas de seguridade detiveron ou investigaron a 41 persoas pola súa presunta relación cos fogos. A Consellería sinalou que o esforzo policial enfocarase cara as zonas nas que se están a concentrar máis lumes.

Doutro lado, tras a reunión mantida tamén onte con alcaldes da provincia de Pontevedra, a conselleira, Ángeles Vázquez, informou de que no que vai de verán queimáronse 4.000 hectáreas na provincia, das cales 3.300 eran produtivas e estaban ordeadas, segundo a valoración da Consellería.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s