Calendario laboral e festividades de Galicia para o ano 2017

DECRETO 76/2016, do 9 de xuño, polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2017.

mapa_concellos_GaliciaO artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas destas festas de ámbito estatal, as comunidades autónomas teñen facultades de opción e de substitución por outras que por tradición lles sexan propias, e tamén poderán substituír, cando haxa festas estatais que coincidan con domingo, incorporando outras da comunidade autónoma que lles sexan tradicionais.

Conforme o referido anteriormente e facendo uso das facultades de opción e substitución, óptase polo 25 de xullo, festa de Santiago Apóstolo, como Día Nacional de Galicia, e por coincidir en domingo substitúese o 1 de xaneiro Aninovo, polo día 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 do xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, na súa virtude e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, a proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do nove de xuño de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Festas laborais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017

Conforme o establecido no artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, modificado polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, de non se producir modificacións no calendario laboral de carácter estatal, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 serán as seguintes:

6 de xaneiro: Día de Reis.

13 de abril: Xoves Santo.

14 de abril: Venres Santo.

1 de maio: Festa do Traballo.

17 de maio: Día das Letras Galegas.

25 de xullo: Día Nacional de Galicia.

15 de agosto: A Asunción.

12 de outubro: Día da Hispanidade.

1 de novembro: Todos os Santos.

6 de decembro: Día da Constitución.

8 de decembro: A Inmaculada.

25 de decembro: Nadal.

Artigo 2. Festas locais

Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores, artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e artigo 1.11 do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, propostas polo órgano municipal competente dos respectivos concellos, cuxa publicación no boletín oficial de cada unha das provincias da comunidade autónoma será determinada pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria. As ditas festas locais publicaranse, así mesmo, no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Cómputo de prazos

De acordo co que dispón o artigo 48.7 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.

Disposición derradeira primeira. Comunicación ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social

Do disposto no presente decreto darase traslado ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social antes do 30 de setembro de 2016.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil dezasete.

Santiago de Compostela, nove de xuño de dous mil dezaseis


DOG nº128 do 7 de xullo de 2016

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s