Rede de parques naturais de Galicia

DECRETO 69/2016, do 19 de maio, polo que se crea a Rede de parques naturais de Galicia

redenatura_GaliciaA Constitución española recoñece no seu artigo 45.1 que «Todos teñen o dereito a gozar dun ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de o conservaren», e o seu artigo 149.1.23 establece a competencia exclusiva do Estado para a lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades que teñen as comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30, faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espazos naturais.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, no seu título I, define con carácter xeral os espazos naturais que deben ser considerados merecedores dunha protección especial e regula o seu procedemento de declaración, dispoñendo un réxime xeral de protección e prevendo a posibilidade de establecer réximes de protección preventiva. Entre as oito categorías de espazos naturais protexidos que establece a Lei 9/2001, do 21 de agosto, inclúese a figura de parque natural; a declaración destes espazos faise con base nos elementos singulares de fauna, flora e xea que polo seu valor e interese científico, paisaxístico, cultural ou histórico requiran unha especial atención.

Na actualidade existen en Galicia seis espazos naturais declarados como parque natural: o monte Aloia, declarado polo Real decreto 3160, do 4 de decembro de 1978, a Baixa Limia-Serra do Xurés, declarado polo Decreto 29/1993, do 11 de febreiro, o complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán, declarado polo Decreto 139/1992, do 5 de xuño, as Fragas do Eume, declarado polo Decreto 218/1997, do 30 de xullo, o Invernadeiro, declarado polo Decreto 155/1997, do 5 de xuño, e o parque natural da Serra da Enciña da Lastra, declarado polo Decreto 157/2002, do 4 de abril.

O presente decreto ten por obxecto crear a Rede de parques naturais de Galicia, co fin de facilitar unha xestión coordinada dos espazos que a conforman, así como contribuír ao seu coñecemento e divulgación.

O decreto estrutúrase en tres artigos e dúas disposicións derradeiras.

Na súa virtude, a proposta da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de maio de 2016,

DISPOÑO:

Artigo 1. Rede de parques naturais de Galicia

Créase a Rede de parques naturais de Galicia, que se configura como un sistema integrado e unitario de todos os espazos naturais da Comunidade Autónoma de Galicia que conten coa declaración de parque natural en virtude da normativa vixente.

Artigo 2. Obxectivos da Rede de parques naturais de Galicia

A Rede de parques naturais de Galicia ten como obxectivos os seguintes:

a) Converter os parques naturais da nosa Comunidade nun modelo de xestión compartida e coordinada.

b) Fomentar a cooperación e promover proxectos comúns.

c) Potenciar os parques naturais como valor de desenvolvemento económico e dinamizar as economías locais do seu contorno.

d) Coñecer os datos e cifras relativas á xestión das principais áreas de actuación na Rede de parques naturais de Galicia.

e) Situar a marca Parque Naturais de Galicia como referente en España baixo unha identidade corporativa global.

f) Capitalizar o amplo e diverso patrimonio natural de Galicia a través da promoción dos parques naturais.

g) Potenciar as singularidades de cada parque natural para converter a rede na icona da España verde e como espazos naturais de interese en Europa.

Artigo 3. Articulación da Rede de parques naturais de Galicia

1. A Rede de parques naturais de Galicia articúlase en tres eixos: a coordinación, a xestión e uso e a promoción e posta en valor.

2. A Rede de parques naturais de Galicia poderá coordinarse con outras redes ou espazos protexidos, en particular co Parque nacional das Illas Atlánticas.

3. A Consellería competente en materia de medio ambiente xestionará a Rede de parques naturais de Galicia a través do centro directivo a que lle atribúa as competencias en materia de conservación da natureza. A consellería competente en materia de medio ambiente convocará reunións periódicas das persoas representantes das xuntas consultivas dos parques naturais co obxecto de tratar asuntos de interese común.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


DOG nº117 do 21 de xuño de 2016

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s