Aprobación definitiva do PXOM de Porto do Son (A Coruña)

ORDE do 28 de abril de 2016 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Porto do Son (A Coruña)

Porto_SonO Concello de Porto do Son eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan xeral de ordenación municipal, de conformidade co disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Logo de analizar a documentación do PXOM de Porto do Son, elaborada por Consultora Galega, S.L., datada en xaneiro de 2016 e identificada con dilixencias da aprobación provisional do 25.2.2016, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes

O Concello de Porto do Son dispón actualmente de Normas subsidiarias de planeamento municipal vixentes, aprobadas definitivamente o 27.10.1994.

Con data do 21.3.2007, esta consellería emitiu informe previo á aprobación inicial do PXOM de novembro de 2005, de conformidade co disposto no artigo 85.1 da LOUG.

Coa entrada en vigor da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, o PXOM de Porto do Son debeu adaptarse a ela. Emitíronse os informes xurídico e técnico municipais en data do 24.11.2010; e novo informe previo á aprobación inicial desta consellería en data do 6.6.2011.

O Concello Pleno aprobou inicialmente o Plan xeral o 27.2.2012, tras a emisión dos informes xurídico e técnico municipais de datas 17.2.2012; e someteuno a información pública durante dous meses, mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia e El Correo Gallego do 6.3.2012 e 3.3.2012; e no DOG do 23.3.2012. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Boiro, Lousame, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Noia, que alegou con respecto ao deslindamento entre os dous concellos.

Mediante Resolución do 27.12.2013, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible emite a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

O Pleno do Concello aprobou provisionalmente o PXOM en sesión do 27.1.2014.

O PXOM foi remitido a esta consellería en data do 6.2.2014, achegando anexo cara á solicitude do informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia previsto no artigo 32.2.e) da LOUG. A CSU en sesión do 19.3.2014 emitiu informe favorable á redución da franxa de solo rústico de protección de costas de 200 a 100 metros do límite interior da ribeira do mar, nos sectores de solo urbanizable SUR-02, SUR-03, SUR-05 e SUR-06.

O PXOM foi remitido a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva en data do 15.4.2014, e achegáronse os seguintes informes sectoriais:

Informe da Dirección Xeral de Infraestruturas do 16.6.2011 desfavorable. Informes da Axencia Galega de Infraestruturas do 22.8.2012 (desfavorable) e do 7.10.2013, favorable.

Informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 26.9.2012 (desfavorable) e do 18.10.2013, favorable condicionado a incorporar as correccións indicadas nel.

Informe da Deputación da Coruña, favorable con condicións.

Informe da Consellería de Economía e Industria do 15.3.2012, en materia de minas.

Informe da Consellería do Medio Rural do 18.4.2012.

Informe do Ministerio de Industria na Área de Industria e Enerxía do 16.4.2012.

Ministerio de Defensa, Dirección Xeral de Infraestrutura, informe favorable condicionado do 13.7.2012.

Informe da Dirección Xeral de Aviación Civil de 23.8.2012.

En materia de costas, informes do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de data do 25.5.2012 (desfavorable) e de data do 9.5.2014, favorable.

Informes de costas da Xunta de datas 4.2.2013 e 28.7.2014.

Informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da CMATI de data do 26.4.2013 cunha serie de consideracións para incorporar.

Informe de Augas: SX de Xestión do Dominio Público Hidráulico do 4.6.2012, favorable con consideracións, e SX de Programación e Proxectos do 31.7.2013, con consideracións.

En materia de telecomunicacións, consta certificado do secretario municipal do 15.5.2014 conforme se solicitou informe e non se recibiu o informe sectorial.

En materia de portos, consta certificado do secretario municipal do 10.4.2014 conforme se solicitou informe de portos do Estado e non se recibiu.

Informes de Portos de Galicia do 1.8.2012 e 25.9.2013 (desfavorables) e do 30.10.2013, favorable.

Consta Orde do 4 de agosto de 2014 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que non se outorga aprobación definitiva e se sinalan unha serie de deficiencias que haberá que emendar.

En materia de augas, solicituose novo informe de Augas de Galicia relativo á nova delimitación do núcleo rural NR-004.

Novos informes técnicos e xurídicos municipais e aprobación provisional polo Pleno do Concello o 25.2.2016, que remite o expediente á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Conforme o artigo 32.2.f) da LOUG, para poder excluír do solo rústico de especial protección de espazos naturais os terreos necesarios para a delimitación dos núcleos rurais de NR-079 As Chamosas-Tarrío-Nadelas, NR-116 Laranga-Carballido-Outón-Campo da Batalla, NR-117 Grandemaior e NR-135 O Rial, solicitouse a autorización expresa do Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 28.4.2016.

II. Análise e consideracións

II.1. Emenda das deficiencias sinaladas na Orde do 4.8.2016 da SXOTU

Da análise da documentación agora achegada, conclúese que se formalizaron todas as cuestións sinaladas na Orde do 25.2.2015, coas seguintes puntualizacións:

1. Clasificación do solo urbano.

Non se acredita o cumprimento dos requisitos necesarios para ser clasificado como solo urbano, segundo o artigo 11 da LOUG, por carecer da adecuada integración na malla urbana, o ámbito ocupado pola piscifactoría en Seráns.

2. Clasificación do solo de núcleo rural.

No núcleo de Abuín (058), inclúense parcelas vacantes ao oeste da estrada AC 550, en zona de protección costeira do POL.

3. Clasificación do solo rústico.

Os terreos situados fóra do solo urbano e dos núcleos rurais a unha distancia inferior a 200 metros da liña interior da ribeira do mar deberán clasificarse como solo rústico de protección de costas, tal como expresa o artigo 32.2.e) da LOUG; superporanse, de ser o caso, ao solo rústico de protección de infraestruturas que atravesa ese ámbito.

4. Adaptación á lexislación sectorial de costas.

Nos terreos abranguidos no DPMT, nas súas zonas de servidume de tránsito (6 m desde o límite interior da ribeira do mar) e de protección (coa extensión determinada nos planos dos deslindamentos oficiais), e na zona de influencia (500 m desde o límite interior da ribeira do mar), observarase en todo caso, o disposto no título II da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas e do Regulamento xeral de costas –RXC (RD 876/2014, do 10 de outubro)– e nas disposicións transitorias que correspondan.

O ámbito de solo urbano non consolidado APR-1-04 Freixedo incide totalmente na zona de servidume de protección do DPMT, polo que o seu desenvolvemento deberá axustarse ás determinacións da lexislación sectorial de costas, que prohíben a implantación de novos usos residenciais (artigo 25.1.a) da LC en relación co artigo 45.1 e 2 do RXC) e mesmo limita os existentes no momento da entrada en vigor da Lei de costas.

Os sectores de solo urbanizable delimitado SU-R02, SU-R03, SU-R05 e SU-R06 localízanse nos primeiros 500 m desde o límite interior da ribeira do mar. Cómpre introducir nas correspondentes fichas de xestión a referencia expresa á necesidade de cumprir o disposto no artigo 30 da LC, e que na tramitación dos plans parciais de desenvolvemento deberán solicitarse os informes preceptivos en materia de costas (artigo 117 da LC).

5. Adaptación ao plan de ordenación do litoral.

O núcleo de Abuín (058) presenta parcelas vacantes en zona de protección costeira do POL, que propician un crecemento cara á costa desconforme cos criterios do POL para esta área.

A remisión do planeamento de desenvolvemento que corresponda farase ao organismo competente en materia de ordenación do territorio, en lugar do competente en paisaxe.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Porto do Son, deixando constancia expresa de que:

– O ámbito da piscifactoría en Seráns debe clasificarse como solo rústico de especial protección de costas.

– As parcelas libres de edificación situadas no núcleo de Abuín (058), ao oeste da estrada AC 550, deben clasificarse como solo rústico de especial protección agraria.

– Os solos situados dentro da franxa de 200 metros medida desde a liña interior da ribeira do mar, que figuran clasificados como rústico de protección de infraestruturas, deben clasificarse tamén como solo rústico de protección de costas.

– Nos terreos abranguidos no DPMT, nas súas zonas de servidume de tránsito e de protección, e na zona de influencia, observarase en todo caso o disposto na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

– O plan especial de desenvolvemento da APR-1-04 Freixedo e os plans parciais de desenvolvemento dos SU-R02, SU-R03, SU-R05 e SU-R06 someteranse aos informes preceptivos e vinculantes en materia de costas.

2º. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.


DOG nº93 do 18 de maio de 2016

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s