A Lei 2/2016 do solo de Galicia facilita a ampliación e creación de novas instalacións agrogandeiras en solo rústico

INSTRUCIÓN 1/2016, do 29 de abril, sobre o réxime aplicable ás explotacións e instalacións de apoio á actividade agropecuaria existentes no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002.

granxaA Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, fai un recoñecemento decidido do solo rústico como o solo produtivo que é, potenciando os usos económicos para xerar riqueza no rural, sempre co máximo respecto coa preservación dos valores naturais e culturais subsistentes. Como comunidade autónoma eminentemente rural, o seu desenvolvemento debe estar vinculado indisolublemente á explotación e xestión sustentable dos recursos naturais, harmonizando o desenvolvemento e o benestar do mundo rural.

Da regulación do solo rústico que se contén na Lei do solo deriva a súa consideración como aquel que está esencialmente destinado á súa explotación agrícola, gandeira ou forestal, polo que a protección destas actividades e o mantemento do solo nas súas orixinarias condicións inspira a regulación desta clase de solo ao servizo dos intereses xerais da nosa comunidade autónoma.

Así, entre as actividades e usos construtivos posibles no solo rústico, en calquera das súas categorías, a lei recolle no artigo 35.1.h) «as construcións e instalacións destinadas ao apoio da gandaría extensiva e intensiva, granxas, currais domésticos e establecementos nos que se aloxen, manteñan ou críen animais, e instalacións apícolas».

Doutra banda, esa mesma vinculación coa explotación racional dos recursos naturais tamén é ínsita á definición do solo de núcleo rural, mesmo cando o seu uso característico sexa o residencial.

En relación co anterior, e recoñecendo a realidade do medio rural galego, a Lei 2/2016, do solo de Galicia, fai un tratamento específico das construcións e instalacións destinadas a actividades vinculadas coas explotacións e co apoio á actividade agropecuaria e de primeira transformación de produtos agrogandeiros que existían no momento de entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (1 de xaneiro de 2003).

A Circular informativa 1/2003, do 31 de xullo, xa estableceu as bases para o recoñecemento administrativo da situación urbanística das explotacións agropecuarias con referencia á entrada en vigor da Lei 9/2002, e para a expedición dos títulos administrativos correspondentes, que seguen mantendo hoxe en día plena validez, tanto no solo rústico como no solo de núcleo rural.

Agora, a disposición transitoria cuarta da Lei 2/2016 establece o réxime transitorio relativo ás explotacións agrícolas e gandeiras existentes no 1 de xaneiro de 2003, limitando a súa aplicación ao solo rústico, por canto este solo é o que constitúe o obxecto do interese autonómico e que, en consecuencia, debe ser regulado de xeito global para toda a Comunidade Autónoma; mentres que, pola contra, a regulación do solo de núcleo rural entra dentro das competencias propias de cada concello, e debe daquela, formar parte das determinacións propias dos plans xerais, en coherencia co estudo pormenorizado que se conteña no seu modelo de asentamento poboacional.

En consecuencia, que o solo de núcleo rural non se inclúa no ámbito de aplicación da disposición transitoria cuarta da Lei 2/2016 non pode interpretarse en modo ningún como prohibición legal de que as explotacións en solo de núcleo rural poidan manter a súa actividade.

Na falta de desenvolvemento regulamentario que clarifique a interpretación da disposición transitoria cuarta da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e tendo en conta os antecedentes históricos e lexislativos e os precedentes indicados, dítase a presente instrución, ao abeiro das competencias que corresponden aos titulares das consellerías da Xunta de Galicia segundo o disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, das normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e, en concreto, ao abeiro das competencias propias da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co previsto no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Esta instrución, que se circunscribe ao ámbito das competencias da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, ten por obxecto coordinar a actuación en materia de urbanismo dos seus órganos e unidades administrativas, sen prexuízo das competencias que corresponda exercer a outros organismos públicos ou á Administración municipal.

Aínda que, de conformidade co previsto no artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, esta instrución non ten os efectos propios dunha norma xurídica de natureza regulamentaria, considérase necesaria a súa publicación para que todos poidan coñecer os criterios que seguirá a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio nesta materia, en prol dunha maior transparencia na xestión administrativa e da seguridade xurídica.

Instrución.

Primeiro. Ámbito de aplicación

1. O previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 2/2016 resulta de aplicación a todas as construcións e instalacións destinadas a actividades vinculadas coa explotación e co apoio á actividade agropecuaria e de primeira transformación de produtos agrogandeiros, existentes no solo rústico no 1 de xaneiro do 2003, independentemente de que contasen ou non con licenza nese momento, ou de que procedesen ou non á regularización prevista na disposición transitoria décimo primeira da LOUG.

2. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, as construcións e instalacións referidas, executadas en solo rústico ao abeiro da licenza urbanística tamén se poderán acoller ao réxime establecido na disposición transitoria terceira da Lei 2/2016.

3. Para as construcións e instalacións agrogandeiras existentes no solo de núcleo rural, o réxime urbanístico aplicable de resultas das determinacións contidas na Lei 2/2016, en coherencia cos principios xerais de interpretación das normas en relación co contexto, os antecedentes históricos e lexislativos e a realidade social do tempo en que teñen que ser aplicadas, atendendo fundamentalmente ao espírito e finalidade daquelas, non é contrario á posibilidade do seu mantemento, considerando que esas explotacións existentes gardan relación directa cos usos tradicionalmente ligados ao asentamento do núcleo rural ou que dan resposta ás necesidades da poboación residente neles (artigo 25.2. da LSG).

4. En consecuencia, as construcións e instalacións destinadas a actividades vinculadas coa explotación e co apoio á actividade agropecuaria e de primeira transformación de produtos agrogandeiros existentes á entrada en vigor da LOUG tanto en solo rústico como en solo de núcleo rural poderán manter a súa actividade.

5. Polo que respecta ás posibilidades de ampliación, ampliacións que en ningún caso serán consideradas como novas explotacións, para as situadas no solo rústico observarase o previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 2/2016, que permite incrementar nun 50 % o volume construído orixinario, sen necesidade de cumprir os parámetros que se regulan no artigo 39 da Lei 2/2016, agás o límite da altura.

No suposto de acollerse á disposición transitoria terceira da Lei 2/2016, e conforme o previsto na súa alínea b), as posibilidades de ampliación axustaranse ás condicións de edificación contidas no artigo 39.c) desa mesma Lei 2/2016 e no planeamento urbanístico correspondente.

6. No caso das explotacións existentes no solo de núcleo rural, será o concello, na súa competencia exclusiva para a formulación do planeamento, o que determine as condicións de ampliación.

Nese senso, a disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, no relativo ao réxime urbanístico aplicable ao solo de núcleo rural e ás súas áreas de expansión, influencia ou tolerancia, de municipios con planeamento adaptado ou non á LOUG, establece a aplicabilidade íntegra do disposto no planeamento respectivo, agás no que se refire ás edificacións tradicionais existentes, ás cales será aplicable o previsto no artigo 40 da Lei 2/2016.

As determinacións correspondentes do planeamento municipal para o réxime e condicións de edificación no solo de núcleo rural só se verán derrogadas cando inclúan determinacións que constitúan actuacións incompatibles de conformidade co previsto no artigo 26 da Lei 2/2016.

Os planeamentos municipais que incorporan na súa ordenanza de solo de núcleo rural determinacións similares ás recollidas na disposición transitoria 11ª da LOUG manterán a súa plena vixencia por canto acadan a consideración de normativa municipal propia.

7. Doutra banda, e dado que as ampliacións das explotacións existentes en ningún caso deberán de ser consideradas como novas explotacións, non lles resultan aplicables nin a prohibición de nova implantación establecida no artigo 26.1.f) da Lei 2/2016; nin as exixencias contidas na alínea g) do artigo 39 da mesma lei, que establece as distancias aos núcleos de poboación e ás vivendas soamente para as novas explotacións que se implanten.

8. Consideraranse amparadas no réxime excepcional establecido na disposición transitoria 4ª da Lei 2/2016 a ampliación das explotacións agrogandeiras existentes en solo de núcleo rural, cando a parcela que se encontren estea afectada por dúas clasificacións de solo e a ampliación se efectúe na parte da parcela clasificada como solo rústico, cuestión que redundará na mellora da calidade de vida da poboación residente nese asentamento.

9. Unha cuestión diferente é a implantación de «novas instalacións destinadas á produción gandeira» en solo de núcleo rural, que constitúe unha actuación incompatible con este tipo de solo, manténdose a prohibición xa contida no artigo 28.1.e) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Obras posibles

Nestas construcións poderán permitirse, logo da obtención da licenza urbanística municipal, as obras que a seguir se indican e cumprindo as seguintes condicións:

a) Obras de conservación e reforma, adoptando as medidas correctoras oportunas para garantir as condicións sanitarias, para minimizar a incidencia sobre o territorio e para a mellor protección da paisaxe, en termos análogos aos que xa exixía a disposición transitoria 11.1 da LOUG.

b) Obras de ampliación, sen superar o 50 % do volume orixinario da edificación, considerando:

– O concepto de volume correspóndese, igual que antes, coa medida espacial en tres dimensións (m3), e está determinado polas condicións de superficie ocupada en planta polas edificacións, multiplicada pola correspondente altura.

– Como volume orixinario, considerarase o das construcións existentes no 1 de xaneiro de 2003. Poderán considerarse todas as edificacións integrantes da explotación, acumulando os seus volumes, sempre que se atopen na mesma parcela.

– Non se computarán as construcións ou instalacións baixo rasante.

– Se con posterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2002 se realizaron ampliacións das edificacións orixinarias, o volume desas ampliacións debe descontarse para os efectos do cumprimento do límite do 50 % establecido para as ampliacións.

– No entanto, non é necesario cumprir os parámetros que se regulan no artigo 39 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, aínda que si se deberá de respectar o límite da altura de planta baixa máis 1 piso, con 7 metros de altura de cornixa.

– As exixencias do artigo 39 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, só operan para a implantación de novas explotacións.

– Canto á localización da ampliación, ben que na nova lei do solo non se indica expresamente a posibilidade de ampliacións «mesmo en volume independente» que si figuraba na redacción da anterior disposición transitoria, nada o impide. En todo caso, a ampliación deberá realizarse na parcela orixinal.

c) Debe manterse a actividade de explotación ou apoio á actividade agropecuaria ou forestal.

d) En todos os casos se deberán adoptar as medidas correctoras necesarias para garantir as condicións sanitarias, para minimizar a incidencia sobre o territorio e para mellorar a protección da paisaxe.

Terceiro. Réxime ordinario

1. Sen prexuízo do disposto nos dous números anteriores, as explotacións agrogandeiras existentes no 1 de xaneiro de 2003 que se proxecte ampliar en máis dun 50 % do volume orixinario nesa data, sempre poderán acollerse ao réxime ordinario establecido no artigo 39 da Lei 2/2016 e tendo en conta que o disposto na alínea g) so será aplicable ás novas explotacións gandeiras.

2. En relación coas condicións de edificación establecidas para ese réxime ordinario, a nova lei do solo fai unha aposta decidida por posibilitar a implantación de usos agrogandeiros no solo rústico, reducindo a dimensión da parcela mínima que a LOUG fixaba en 5.000 metros cadrados e que agora pasa a ser de 2.000 metros cadrados, asimilándoa á unidade mínima de cultivo.

No mesmo senso, a ocupación máxima permitida da parcela para as explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais é dun 60 %, fronte á ocupación máxima do 20 % no caso do resto dos usos.


DOG nº87 do 9 de maio de 2016

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s