Resolución da non clasificación como veciñal en man común dos montes denominados Séptima e Chaos, da parroquia de Salto, no concello de Rodeiro (Pontevedra)

ANUNCIO do 25 de febreiro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Séptima e Chaos, da parroquia de Salto, no concello de Rodeiro, solicitados a favor dos veciños do lugar da Granxa-Faílde-Casardixo.

mapa_Galicia_concello_RodeiroEn cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente:

Miguel Ángel Pérez Dubois.

(Xefe territorial).

Vogais:

Amalia Elsa Pazos Pintos.

(Xefa do Servizo de Montes).

X. Carlos Morgade Martínez.

(Representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Víctor Abelleira Argibay.

(Representante do colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Vogais representantes dos veciños do lugar da Granxa-Failde-Casardixo, da parroquia do Salto.

Ángel Diéguez Vilameá.

José Luis García Sánchez.

Secretaria:

Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo).

Na cidade de Pontevedra, ás 17.00 horas do día 8 de febreiro de 2016, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese no 2º andar do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados Séptima e Chaos, na parroquia do Salto, solicitado a favor dos veciños do lugar da Granxa-Faílde-Casardixo (Rodeiro).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 22 de outubro de 2010, Ángel Diéguez Vilameá e José Manuel González Varela, ambos os dous veciños da parroquia do Salto, concello de Rodeiro, solicitan a clasificación como montes veciñais en man común (en diante MVMC) dos montes Séptima e Chaos a favor dos lugares da Granxa, Faílde e Casardixo, da parroquia do Salto, Rodeiro. Coa solicitude xuntan copia de:

– Emolumentos do común do libro real de leigos do Catastro do Marqués de la Ensenada, freguesía de Santo Estevo do Salto, ano 1953.

– Folla do libro do catastro da Ensenada do Arquivo Parroquial Diocesano de Lugo.

– Resolución do Xurado Provincial do 24 de marzo de 1992, referente aos montes Séptima e Chaos a favor dos lugares da Granxa, Faílde e Casardixo da parroquia do Salto, Rodeiro.

– Planimetría en formato papel e dixital.

– Documentos do arquivo histórico de Ourense.

Segundo. Con data do 13 de xullo de 2011, 26 de abril de 2013 e 20 de febreiro de 2014, José María Vázquez Pardo solicita ser interesado neste procedemento de clasificación e xunta as seguintes sentenzas xudiciais:

– Sentenza do 9 de novembro de 1990, reivindicatoria civil núm. 54/90, promovida por unha serie de veciños de Faílde, A Granxa e Casardixo.

– Sentenza do 16 de decembro de 1993, do TSX de Galicia, sobre recurso contencioso-administrativo contra resolución do Xurado Provincial de Montes de Pontevedra do 24 de marzo de 1992.

– Sentenza do 17 de xaneiro de 2000, da Sala Contencioso-Administrativa do Tribunal Supremo, que confirma a sentenza do TSXG, pola que se anula a citada clasificación.

Terceiro. Con data do 4 de agosto de 2011, o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación das parcelas e de que non se atopan clasificadas na actualidade. As cabidas solicitadas son: monte Séptima: 24,90 ha e monte Chaos 3,81 ha.

Con data do 29 de agosto de 2011, o xefe de Área de MVMC informa de que existen titularidades catastrais distintas do lugar solicitado.

Cuarto. Con data do 26 de setembro de 2011, Ángel Diéguez Vilameá xunta á petición do Servizo de Montes de Pontevedra, para acreditar o uso comunal consuetudinario, a declaración xurada de 12 veciños dun aproveitamento de pastoreo, molime de toxo e recolla de froitos, que continúa na actualidade. Asemade, con datas do 20 de febreiro de 2013 e 14 de marzo de 2013 Ángel Diéguez Vilameá xunta copias de varias escrituras de parcelas estremeiras dos montes Séptima e Chaos.

Quinto. Con data do 10 de maio de 2013, o xefe de Área de MVMC emite informe preceptivo do Servizo de Montes:

“Realizadas inspeccións das parcelas, compróbase que a parcela Séptima, salvo unha pequena formación de arboreda ripícola de bidueiro e salgueiro e a presenza de pés illados de piñeiro, se encontra rasa con mato de queiroga e toxo, con cultivos intermedios en parte da súa superficie e presenza de afloramentos rochosos.

Existe una pista que a atravesa bordeada por valos de cachotaría e arame e pista de acceso a dous aeroxeradores que se localizan dentro do perímetro solicitado; tamén se localizan na parcela outros valos e marcos de pedra, que indican usos distintos do comunal.

A parcela Chaos está parcialmente arborizada por formacións de bidueiro, piñeiro, salgueiro e freixo, con rasos poboados por mato de silva, fentos e xesta. A parte central e sur está ocupada por braña rasa con herbal e tramos de pasteiro cultivado.

A parcela aparece parcialmente bordeada por valos que se prolongan alén do perímetro solicitado, cruzada por pistas e valos de cachotaría e arame e zonas cerradas con portelos, que indican usos non comunais.

No se presenta documentación que avale o uso consuetudinario destas parcelas pola comunidade da Granxa, Faílde e Casardixo”.

Sexto. Con data do 16 de setembro de 2013 e 17 de febreiro de 2014, Ángel Diéguez Vilameá xunta relación de estremeiros e cabida das parcelas Séptima e Chaos.

Sétimo. Con data do 28 de febreiro de 2014, José Argimiro Regueira Sánchez, Julio González González, José González González, Plácido González González, Julio e José María González Sobrado, Enrique e Josefa Moure Vázquez alegan como propietarios de parcelas afectadas pola tramitación do expediente de clasificación dos montes Séptima e Chaos. Xuntan documentación que acredita o uso ou aproveitamento de parte das parcelas das cales e pide a a clasificación (IBI de rústica, pagamentos do Fogga de axudas agrícolas PAC, contrato de aproveitamento de enerxía eólica e certificado do Concello de Rodeiro).

Oitavo. Con data do 4 de abril de 2014, Ángel Diéguez Vilameá reitera a súa petición de clasificación. Asemade, con data do 25 de marzo de 2015 solicita certificado acreditativo do silencio positivo da solicitude de clasificación do monte Séptima e Chaos.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, define o monte veciñal en man común:

“Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas os membros daquelas na súa condición de veciños”.

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común, o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado senón tamén no presente e de forma continuada; así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. O uso ou aproveitamento en man común dos montes solicitados, Séptima e Chaos, non queda suficientemente acreditado de xeito documental, xa que só se xuntou ao expediente de clasificación unha declaración xurada de doce veciños, tal como expoño no punto cuarto de antecedentes. Asemade, o contido do informe preceptivo do Servizo de Montes, transcrito no punto quinto dos antecedentes, non acredita o uso consuetudinario das parcelas.

Finalmente, o feito de que durante a tramitación do expediente consten alegacións á clasificación como MVMC de terceiros que acreditan un uso privativo das parcelas, demostra que non existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños do lugares da Granxa, Faílde e Casardixo, da parroquia do Salto, dos montes Séptima e Chaos.

Cuarto. Con data do 25 de marzo de 2015, o promotor da clasificación solicita que se entenda outorgada a clasificación en virtude do artigo 43 da Lei 30/1992, relativo ao silencio administrativo.

En primeiro termo cómpre significar que o dito artigo 43 da Lei 30/1992 non pode ser obxecto dunha hermeneuse illada senón que, para a comprensión do seu correcto alcance, debe ser posto en directa conexión co contido substantivo do artigo 62.1.f) do mesmo texto legal, sendo a conclusión que se extrae notoriamente oposta á mantida pola recorrente.

O citado precepto establece que serán nulos de pleno dereito todos aqueles actos “expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos cales se adquiran facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición”, o que vén matizar as consecuencias que noutro caso derivarían da operatividade práctica do artigo 43.

Neste senso vénse pronunciando reiteradamente a xurisprudencia do Tribunal Supremo que, a modo de resumo, sinala que o senso do silencio administrativo, no caso de que a Administración non resolva dentro do prazo legalmente establecido, pode ser positivo ou estimatorio, cando a adquisición do dereito solicitado (neste suposto a clasificación do monte Séptima e Chaos) non se puidese adquirir mediante resolución expresa. En definitiva, o que se pretende evitar é a aplicación da doutrina do silencio administrativo como unha medida de sanción ou castigo para a Administración ao non resolver en prazo, así a necesidade de conxugar o artigo 43 co artigo 62.1.f) da Lei 30/1992. (STS do 12 de maio de 1998; 7 de maio de 1998).

Así pois, no hipotético suposto de entender outorgada por silencio a clasificación solicitada, estaríase a conculcar de xeito flagrante as consecuencias que o dereito predica da cousa xulgada e recoñecendo un dereito para o cal non se dan os requisitos legalmente fixados ad hoc.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o instrutor porpón e o Xurado de Montes acorda por unanimidade dos seus membros:

Non clasificar como monte veciñal en man común os montes Séptima e Chaos solicitada a favor dos veciños dos lugares da Granxa, Faílde e Casardixo, da parroquia do Salto, Rodeiro.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.


DOG nº56 do 22 de marzo de 2016

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s