Exclusión da clasificación como comunal, do monte O Calvario, parroquia de Torneiros (Concello das Neves, Pontevedra)

ANUNCIO do 25 de febreiro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do recurso de reposición no expediente de clasificación do monte denominado O Calvario, da parroquia de Torneiros, no concello das Neves, solicitada a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tortoreos.

comunidade_montes_Tortoreoscomunidade_montes_TortoreosEn cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Miguel Ángel Pérez Dubois (xefe territorial).

Vogais:

Amalia Elsa Pazos Pintos (xefa do Servizo de Montes).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Víctor Abelleira Argibay (representante do colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo).

Na cidade de Pontevedra, ás 17.00 horas do día 8.2.2016 coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na 2ª planta do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do recurso de reposición do expediente de clasificación do monte denominado O Calvario, da parroquia de Tortoreos, solicitado a favor dos veciños da CMVMC de Tortoreos (As Neves).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada no rexistro do 22.6.2009, Fernando Pereira Alonso, en representación dos veciños da CMVMC de Tortoreos, da parroquia de Tortoreos (As Neves) presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado Coto do Calvario, no lugar do Calvario, da parroquia de Tortoreos, como veciñais en man común a favor da CMVMC de Tortoreos, e xunta informe técnico e pericial, coa descrición do monte, identificación, superficie, ocupacións e estremas.

En sesión que tivo lugar o 22.2.2010 o Xurado acordou a incoación do expediente de clasificación.

Segundo. Tramitado o expediente de conformidade cos preceptos legais e regulamentarios aplicables, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en reunión que tivo lugar na data do 19.11.2012, resolveu clasificar como veciñal en man común o monte denominado O Calvario a favor dos veciños da CMVMC de Tortoreos (As Neves), ao quedar acreditado o aproveitamento veciñal da parcela, excluíndo da superficie solicitada 760 m2 que se corresponden coa denominada parcela B ou 2 da permuta 8/07, por non ter natureza comunal.

Terceiro. Contra a referida resolución, na data do 24.1.2013 o Concello das Neves formula recurso de reposición alegando, en síntese, que se anule ou revogue, total ou parcialmente, a resolución adoptada en sesión do 19.11.2012, mediante a cal se clasifica como veciñal en man común o terro da parcela ocupada polo ben inmoble de dominio público municipal correspondente ao antigo edificio escolar sito no lugar do Calvario, da parroquia de Tortoreos, de 254 m2 de superficie de propiedade e uso municipal.

Xunto co escrito de alegacións presentan diversa documentación: copia da ficha do inventario municipal respecto da escola, acordo plenario de desafección do ben inmoble por troco de uso da escola unitaria do Calvario. Fotografías do inmoble onde se aprecia a reforma operada polo Concello e uso das dependencias como almacén municipal, informe do responsable de Urbanismo, Obras e Servizos Públicos do Concello, documentación sobre a obra de rehabilitación do edificio da escola unitaria de Tortoreos e certificación gráfica e descritiva da parcela.

Cuarto. Á vista do escrito do Concello das Neves, a CMVMC de Tortoreos presenta un escrito de contestación ás alegacións indicando, en resumo, que: (….) a comunidade de montes de Tortoreos recoñece a titularidade pública/municipal da edificación denominada escola do Calvario, de 254 m2 de superficie, coas servidumes de paso que lle sexan inherente para efectos do seu efectivo acceso ao inmueble, pero non se recoñece a propiedade municipal da parcela que o circunda ata alcanzar a superficie total de 971 m2 (…) Que a dita escola foi desafectada en virtude da Resolución do 12 de maio de 2006 pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en Pontevedra (…) desafectouse a superficie de 254 m2 que ocupa a citada escola do Calvario, sen que se incluise ningún terreo estremeiro ou adxacente, ao contrario estaba recoñecendo o propio Concello das Neves que esa edificación estaba encravada sobre terreo comunal, co que circunda por todos os seus lindes.

Achegan, xunto co escrito de alegacións, a seguinte documentación: certificación emitida pola secretaria do concello en que pon de manifesto que, examinada a documentación do arquivo municipal, non se atopou ningún expediente que acredite a titularidade dos terreos onde foi construída a escola do Calvario de Tortoreos, así como unha lista de bens inmobles propiedade do Concello das Neves (no cal non figura a escola do Calvario).

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición contra as súas resolucións en virtude do establecido no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Procede admitir a trámite os recursos de reposición interpostos por cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1 da citada lei.

Terceiro. Á vista das alegacións realizadas tanto polo Concello como polo promotor do expediente, e á marxe de que non se pode obviar que o carácter comunal do monte desaparece daquelas superficies que foron ou están sendo destinadas a servizos públicos, acéptanse aquelas no sentido de excluír unicamente do monte O Calvario a superficie ocupada polo inmoble correspondente á antiga escola do Calvario. Porén, no que ao resto da parcela se refire, non poden prosperar as alegacións de adverso por canto non se achega documento ou proba ningunha que permita desvirtuar a Resolución do Xurado do 19 de novembro de 2012.

En consecuencia, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, este instrutor propón e o Xurado por unanimidade dos seus membros acorda estimar parcialmente as alegacións formuladas polo Concello das Neves no sentido de excluír do monte O Calvario a superficie de 254 m2 correspondente ao antigo edificio escolar e confirmar integramente o resto da resolución impugnada.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109.a) e 116.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».


DOG nº56 do 22 de marzo de 2016

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s