Decreto 23/2016 de reinvestimento dos ingresos obtidos polos montes veciñais en man común

DECRETO 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polos montes veciñais en man común en actuacións de mellora e protección forestal.

O artigo 27.11 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva para establecer o réxime xurídico dos montes veciñais en man común.

O preámbulo da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, sinala que non é obxecto desta norma a regulación en detalle do réxime xurídico dos montes veciñais en man común. Destaca esta Lei que a dita figura, transcendental para Galicia, cunha competencia autonómica definida estatutariamente, debe manter, como ata agora, unha singularidade normativa específica acorde co seu réxime xurídico.

No entanto, determinadas cuestións, como, entre outras, a obriga do reinvestimento no propio monte dunha porcentaxe dos ingresos que xera este, desenvólvese no seu artigo 125 en prol de asegurar a sustentabilidade da xestión forestal e a conservación dos valores, produtos e servizos forestais, tales como os pastos, os cogomelos, as castañas, a madeira ou a biomasa.

O obxecto fundamental dese artigo ampárase no espírito do informe Brundtland de 1987 de xeito que, satisfacendo as necesidades das persoas que compoñen as actuais comunidades de montes veciñais en man común, se asegure, ao mesmo tempo, que non se comprometen as necesidades das futuras xeracións no goce do seu propio monte.

A Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establecía no seu artigo 23 que de todos os rendementos económicos que podían derivar dos aproveitamentos se reservaría unha cantidade que se fixaría nos estatutos e que, en todo caso, nunca sería inferior ao 15 % daqueles, e que se debía dirixir a investimentos en mellora, protección, acceso e servizos derivados do uso social a que o monte poida estar destinado. Respecto dos ingresos provenientes dos actos de disposición, de carácter forzoso ou voluntario, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establecía, no seu artigo 12, que o importe das cantidades aboadas por estes negocios xurídicos se debería destinar á mellora do monte ou ao establecemento de obras ou servizos de interese xeral da comunidade propietaria do monte.

O artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, modifica estas normas de reinvestimento establecendo, por regra xeral, unha cota mínima cun único destino dedicado á mellora e protección forestal do monte do 40 % de todos os ingresos xerados, sexan dos aproveitamentos e servizos forestais, dos derivados de actos de disposición, dos procedentes de expropiacións forzosas ou calquera outro ingreso de natureza extraordinaria, e elevando incluso esta cota para o caso de ingresos xerados a partir dos produtos resultantes de incendios forestais, pragas ou temporais ata o 100 %.

Para o dito reinvestimento establécese un período máximo de catro anos contados a partir da finalización do ano en que se obtivo o ingreso. Este período coincide e se coordina co establecido no número 1 do artigo 112 do da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades.

No caso de que no antedito prazo de catro anos non fose posible a aplicación total do reinvestimento, a promontes_Castrelo_do_Valpiedade poderá presentar á Administración forestal un plan de investimentos plurianual para a súa aprobación. Novamente esta exixencia, establecida no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, se integra de xeito coherente co artigo 11 do Real decreto 634/2015, do 10 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre sociedades, segundo o cal a Administración tributaria deberá, de forma preceptiva, solicitar informe sobre o plan presentado á Administración forestal de Galicia cando o domicilio fiscal do contribuínte estea nesa comunidade autónoma.

Por outra banda, o número 7 do artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, dispuxo que no primeiro semestre de cada ano natural as comunidades de montes deben presentar ante a consellaría competente en materia de montes unha comunicación verbo da realización da totalidade ou da parte prevista das actuacións incluídas no plan de investimentos para o ano anterior.

Este decreto, por tanto, nace para clarificar dun xeito concreto e detallado cales son os tipos de ingresos e as actuacións e servizos en materia de mellora e protección forestal do monte referidos no artigo 125 da Lei 7/2012, de montes de Galicia. Asemade, o decreto desenvolve o procedemento de comunicación e o procedemento de verificación das cantidades mínimas que reinvestirán as comunidades de montes veciñais en man común a fin de asegurar a sustentabilidade dos seus propios recursos e servizos forestais.

Na tramitación deste decreto seguiuse o procedemento establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, abriuse un trámite de información pública e consultáronse en trámite de audiencia as organizacións e asociacións interesadas no procedemento e o Consello Forestal de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de febreiro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Este decreto ten por obxecto regular as cotas de reinvestimento en montes veciñais en man común previstas no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e, en particular:

a) Concretar os diferentes ingresos que deben ser obxecto de reinvestimento.

b) Establecer unha relación clasificada das actuacións en materia de protección e mellora do monte que poden ser obxecto de execución con cargo ás cotas de reinvestimento.

c) Desenvolver o procedemento de comunicación e o procedemento de verificación das cantidades mínimas que reinvestirán as comunidades de montes veciñais en man común en materia de mellora e protección forestal do monte.

CAPÍTULO II
Reinvestimento de ingresos dos montes veciñais en man común

Artigo 2. Das cotas mínimas de reinvestimento

1. Consonte o disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, nos montes veciñais en man común, as cotas mínimas de reinvestimentos en mellora e protección forestal do monte serán as seguintes:

a) De todos os ingresos xerados, a cota de reinvestimento será, cando menos, do 40 %, agás daqueles ingresos xerados a partir dos produtos resultantes de incendios forestais, pragas ou temporais. En todo caso, os estatutos da comunidade veciñal de montes poderán fixar unha cota anual de reinvestimentos superior.

b) Dos ingresos xerados a partir dos produtos resultantes de incendios forestais, pragas ou temporais, a cota de reinvestimento será do 100 % agás que se xustifique documentalmente ante a Administración forestal que non é necesario o dito nivel de reinvestimento ao estaren satisfeitas todas as actuacións e servizos en materia de melloras e protección forestal do monte relacionados no artigo 5 deste decreto, cando menos, nos seguintes dez anos.

No caso de que a catástrofe fose obxecto de cobertura por un seguro forestal previamente contratado, as porcentaxes que se aplicarán aplicar serán as dispostas na letra a).

2. Só no caso de que os custos dos investimentos referidos no artigo 4 estivesen satisfeitos polas cantidades xeradas nos ingresos nunha porcentaxe inferior á establecida no número 1 deste artigo, esta porcentaxe poderá ser obxecto de redución consonte o disposto no artigo 125.3 da Lei 7/2012.

3. Para obter a aprobación da redución da porcentaxe que establece o número anterior é preciso que a comunidade de montes veciñais en man común presente unha solicitude, acompañada do acordo da asemblea xeral.

A solicitude de redución indicará a porcentaxe de reinvestimento concreta que se solicita como cota mínima de reinvestimento e deberá conter, cando menos, a xustificación expresa de tal solicitude, os traballos programados e orzamentados no instrumento de ordenación e de xestión comunicados ou aprobados previamente pola Administración forestal para cada monte. Tamén se poderán incluír outros traballos de carácter extraordinario, directamente relacionados coa xestión forestal sustentable do monte, e que non estivesen previstos nos ditos instrumentos ou aqueles correspondentes ás actuacións descritas nos artigos 8 e 9. Nestes últimos casos, a Administración forestal poderá solicitar unha xustificación técnica que acredite a conveniencia de levalos a cabo.

A Administración forestal deberá ditar a resolución no prazo máximo de tres (3) meses desde que a solicitude de redución teña entrada no rexistro do órgano competente para resolver.

A resolución que dite a Administración forestal non porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de montes no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución. A data final da interposición do recurso coincidirá co mesmo ordinal do día da notificación desa resolución.

(…)


Ver texto completo do decreto: DOG nº47 do 9 de marzo de 2016

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s