Aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Carballo (A Coruña)

ORDE do 4 de febreiro de 2016 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Carballo (A Coruña)

praia_CarballoO Concello de Carballo eleva para a súa aprobación definitiva o expediente do Plan xeral de ordenación municipal datado en setembro 2015, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación remitida polo Concello de Carballo e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

O PXOM do concello de Carballo aprobado definitivamente o 20.5.2003, foi anulado por sentenza xudicial firme e recobraron vixencia os seguintes instrumentos de ordenación:

– Normas subsidiarias e complementarias de planeamento (NSP) (AD 16.6.1978).

– NSP corrixidas da vila de Carballo (AD 20.6.1980).

– NSP do termo municipal, con exclusión dos ámbitos da vila de Carballo, polígono industrial de Bértoa e paraxes costeiras (AD 12.4.1984).

I.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

Este concello está afectado polo Plan de ordenación do litoral de Galicia (Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, en diante POL) e os seguintes proxectos sectoriais:

– LAT 220 kV Mesón do Vento-Vimianzo (AD 6.4.2001).

– Parque empresarial de Carballo (AD 8.2.2007).

– Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte (AD 29.9.2011).

– Parque eólico Pedrarrubia (AD 13.10.2011).

– Parque eólico Monteagudo (AD 12.9.2013).

I.3. Tramitación.

1. O 21.12.2009 a Secretaría Xeral de Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial do PXOM redactado en maio de 2009. Despois tramitouse un novo documento adaptado ás modificacións operadas na LOUG pola Lei 2/2010, do 25 de marzo.

2. Ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG, consta informe municipal do 27.10.2011 conxunto do arquitecto e do técnico xurídico.

3. A SXOTU emitiu novo informe previo á aprobación inicial do PXOM o 3.2.2012.

4. O Concello Pleno do 10.1.2013 aprobou inicialmente o PXOM e someteuno a información pública nos xornais El Ideal Gallego do 17.1.2013 e La Voz de Galicia do 18.1.2013, así como no DOG do 22.1.2013; deuse audiencia aos concellos limítrofes e solicitáronse informes aos distintos organismos sectoriais.

5. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental elaborou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM o 2.12.2014 (DOG do 18 de decembro).

6. Constan os seguintes informes municipais previos á aprobación provisional:

– Do secretario do 15.1.2015.

– Da interventora do 23.1.2015.

– Do arquitecto municipal do 23.1.2015.

– Do técnico xurídico de urbanismo do 23.1.2015, co conforme do secretario xeral.

7. O PXOM foi aprobado provisionalmente polo Concello pleno do 2.2.2015.

8. Mediante Orde do 2.7.2015, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolveu non outorgar a aprobación definitiva ao PXOM de Carballo e sinalou as deficiencias que se debían emendar.

9. En data do 7.9.2015, Augas de Galicia emite informe favorable ao PXOM de Carballo, corrixido en versión datada en setembro 2015.

10. Constan informes municipais sobre ese documento: técnico e xurídico do 30.10.2015; da Secretaría xeral do 6.11.2015; e da Intervención do 12.11.2015.

11. O PXOM foi aprobado provisionalmente polo Concello pleno do 18.11.2015.

II. Análise e consideracións.

Analizada a documentación do PXOM de Carballo, subscrita por Fernández Carballada Asociados, datada en setembro 2015 e con dilixencias da aprobación provisional do 18.11.2015, e posta en relación coas observacións formuladas na anterior orde desta Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 2.7.2015, conclúese que se cumpriron as cuestións sinaladas, nomeadamente:

II.1. Cuestións de carácter xeral.

1. O expediente incorpora o informe favorable de Augas de Galicia do 7.9.2015, en materia de zonas inundables, canto á afección do río Anllóns e do rego da Balsa.

2. Reflíctese a zona de fluxo correspondente nos planos de clasificación do solo a escala 1/5.000 e nos de ordenación do solo urbano e dos núcleos rurais a escala 1/2.000.

II.2. Clasificación e determinacións de solo.

II.2.1. Solo urbano.

1. Respecto do ámbito no extremo leste do Camiño do Bosque (na súa maior parte fóra da delimitación de solo urbano do PXOM 2003 e das NSP vixentes) e nos terreos ao sur da estación de autobuses, acredítase a existencia de todos os servizos urbanísticos.

2. Considéranse suficientes as actuacións illadas previstas para acadar o grao de urbanización propio do solo urbano consolidado, con obras de escasa entidade que se poden executar simultaneamente coas de edificación.

II.2.2. Solo de núcleo rural.

1. Emendáronse as deficiencias sinaladas respecto dos núcleos de Arnados e Pedra do Sal, situados parcialmente dentro do ámbito delimitado da Rede Natura 2000. Ao abeiro do establecido nos artigos 13.4 e 32.2.f) da LOUG, para poder excluír do solo rústico de especial protección de espazos naturais os terreos necesarios para a delimitación dos núcleos rurais e para delimitar crecementos cara ao mar na franxa dos primeiros 200 m cara á costa, é precisa autorización expresa do Consello da Xunta, solicitada na súa sesión do 4 de febreiro de 2016.

2. En Cornaces (Rus) compútase a efectos de consolidación unha edificación dedicada a explotación gandeira que se pode considerar, á vista das súas características, como uso complementario ligado tradicionalmente ao asentamento.

3. En Loenzo de Abaixo (Bértoa) elimínase o sistema viario non existente e xustifícanse os restantes.

4. Os núcleos tradicionais de Añón e A Rega (Bértoa) e As Torres (Oza) axustan a súa delimitación aos criterios da LOUG, ao parcelario e ás pegadas físicas.

5. No Tarambollo (Sofán) as naves existentes clasifícanse correctamente como solo rústico de protección ordinaria. Na zona a carón da estrada superponse á categoría de solo rústico de protección de infraestruturas.

II.2.3. Solo urbanizable.

1. Na ficha do SUD-13 (antigo SUNC UU-R17) a carón do futuro parque fluvial da Cristina consta o remate das traseiras existentes da avenida de Fisterra cara ao espazo verde.

2. Na ficha do SUD-R10 establécese a obriga de resolver os encontros coa trama urbana lindeira e tratar convenientemente os medianís.

II.2.4. Solo rústico.

No monte Neme, a categorización como solo rústico de protección de infraestruturas resposta a un acto de ordenación municipal, que se superpón á especial protección forestal e, en gran parte, á especial protección paisaxística, que se aplicarán de forma complementaria, prevalecendo o réxime que outorgue maior protección.

II.3. Adaptación ao POL.

O presente documento atende ás cuestións contidas nos anteriores informes emitidos sobre a adecuación do PXOM ao Plan de ordenación do litoral.

Xa que logo, do exame da documentación aprobada provisionalmente polo Concello pleno de Carballo en sesión do 18.11.2015, púidose constatar que as deficiencias observadas na Orde da CMATI do 2.7.2015 foron tidas en conta, e que se introduciron as correccións necesarias para darlles cumprimento.

Conforme os artigos 13.4 e 32.2.f) da LOUG, para delimitar crecementos cara ao mar na franxa dos primeiros 200 m cara á costa e para poder excluír do solo rústico de especial protección de espazos naturais os terreos necesarios para a delimitación dos núcleos rurais de Arnados e Pedra do Sal, é precisa a autorización expresa do Consello da Xunta de Galicia, solicitada na súa sesión de 4 de febreiro de 2016.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal de Carballo.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.


DOG nº39 do 26 de febreiro de 2016

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s