Aprobación definitiva do Parque Eólico Monteagudo (Concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo)

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de setembro de 2013, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque Eólico Monteagudo, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

eolicaEn cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 12 de setembro de 2013, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Monteagudo, promovido por Eólica Gallega del Atlántico, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificado pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Monteagudo.


ANEXO
Disposicións normativas

Adecuación ao planeamento local vixente e prazo.

A poligonal do parque eólico que se proxecta localízase nos municipios de Arteixo, A Laracha e Carballo, ao noroeste da provincia da Coruña.

O municipio da Laracha dispón dun Planeamento xeral de ordenación aprobado o 30 de xuño de 2003 e publicado no BOP o 10 de xullo de 2003. Os terreos que cobren a poligonal do futuro parque neste concello teñen as seguintes cualificacións urbanísticas: SRPA (solo rústico de protección de augas) e SRPM (solo rústico de protección forestal ou de monte).

O municipio de Carballo dispón de Normas subsidiarias de planeamento de 1984. Segundo estas normas, a cualificación dos terreos cubertos pola poligonal do parque é solo non urbanizable non protexido.

O municipio de Arteixo dispón de Normas subsidiarias de planeamento de 1995. Segundo estas normas, as cualificacións dos terreos cubertos pola poligonal do parque son os seguintes: solo non urbanizable común (NU), solo non urbanizable de núcleo rural (NN, áreas consolidadas e non consolidadas), unha pequena parte de solo non urbanizable de protección forestal (PF), así como de sistema viario (SV).

Proposta de modificación do planeamento urbanístico vixente

Adecuación ao planeamento.

A construción dun parque eólico encóntrase necesariamente vinculada a un terreo concreto, co fin de aproveitar o elevado potencial eólico deste.

A instalación dunha central xeradora de enerxía eléctrica a partir dun recurso renovable, como é a enerxía cinética do vento, contribuirá de forma significativa ao desenvolvemento industrial e socioeconómico de toda a Comunidade de Galicia.

A área delimitada polo proxecto sectorial cualificarase como solo rústico de protección de infraestruturas, permitindo, desta forma, a construción do parque eólico na devandita área, co cal debe engadirse á devandita normativa a citada ordenanza específica de solo rústico de protección de infraestruturas, que se describe a seguir:

Solo rústico de protección de infraestruturas.

1. Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo a zona delimitada nos planos destinada á implantación dun parque eólico, dentro da poligonal que define a área que se considera necesaria para a utilización racional do recurso natural do vento, de cara á óptima produción de enerxía no parque eólico.

2. Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación de parques eólicos para poder implantarse nesta categoría de solo deberá contar coa correspondente declaración ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

Nesta categoría de solo quedan permitidos os usos para a localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas das plantacións forestais, mantendo as plantacións a unha distancia mínima de 50 m do aeroxerador máis próximo. Non se poderá realizar ningunha edificación nun raio de 200 m arredor dos aeroxeradores, coa excepción do edificio de control necesario para o funcionamento do parque eólico.

3. Condicións de edificación.

A superficie máxima das edificacións será de 400 m2, computando exclusivamente as edificacións pechadas, a altura máxima das edificacións será dunha planta e non poderá superar os 3,5 m de altura medidos desde a rasante do terreo ata o arranque inferior da vertente da cuberta. As características estéticas, construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural, deberán de ser as fachadas de pedra e o tellado de lousa. A superficie da parcela en que se sitúe a edificación non será inferior a 3.000 m2 (conforme o indicado no artigo 20 da Lei 2/2010, do 25 de marzo, que modifica o artigo 44 da Lei 9/2002) e deberase de xustificar a idoneidade da localización elixida e a imposibilidade ou inconveniencia de situalas no solo urbano ou urbanizable coa cualificación idónea.

Os cerramentos e valados poderán realizarse de malla metálica ou vexetais, sen que poidan superar os 3 m de altura e cun máximo de 1 m de altura de zona opaca no caso de que se realice de malla metálica.

4. Condicións estéticas.

As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais da contorna.

5. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 42.1.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa custa os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento e depuración.

– Enerxía eléctrica.

– Recolla, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos

– Así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se prolonga.

6. Medidas correctoras.

Levaranse a cabo medidas que maximicen a integración paisaxística da subestación transformadora e o edificio de control de tal forma que a súa tipoloxía deberá estar acorde coas construcións tradicionais da zona e preveranse barreiras vexetais co fin de minimizar o impacto visual.

Todas as superficies afectadas pola execución das obras deberán ser restauradas e revexetadas con especies que se corresponderán coas actuais da zona.

Co fin de reducir a ocupación ao mínimo imprescindible, o largo da plataforma das vías non superará os 10 m, salvo que sexa imprescindible por razóns de seguranza ou por motivos técnicos.

Eficacia.

De acordo co Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro polo que se aproba definitivamente a modificación do Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do plan eólico de Galicia, á marxe das modificacións do planeamento local para a súa adecuación, implica para os concellos afectados a obriga de conceder a licenza de obras para as conseguintes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

Cando se revise o planeamento municipal dos municipios afectados e/ou se adapte á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos clasificándoas como «solo rústico de protección de infraestruturas», coa normativa sinalada no punto anterior.

Prazo.

A adecuación do planeamento local deberá realizarse coa redacción e tramitación:

– Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que, obviamente, pode ser para esta adecuación.

– Da revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

– Da adaptación, se é o caso, do planeamento á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

As obras necesarias para a execución deste proxecto están cualificadas como de carácter territorial, de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 1.10.1997, e de conformidade co establecido na disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.


DOG nº22 do 3 de febreiro de 2016

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s