O Concello da Coruña solicita á Igrexa que se lle devolvan terreos que esta rexistrou como propios

parroquia_resurreccion_A_Coruña17/11/2015-praza.gal

O Concello da Coruña vén de reclamarlle á Igrexa terreos municipais que rexistrou como propios. O Concello enviou este luns ao Arcebispado de Santiago de Compostela unha circular na que lle solicita a “rectificación da matriculación de terreos de dominio público municipal” que foron rexistrados pola autoridade eclesiástica malia non pertencerlle por lei.

O Concello reclama á Igrexa que lle devolva os terreos que rexistrou como propios malia seren de dominio público

Concretamente, trátase de tres espazos contiguos a diferentes parroquias da cidade que sumarían algo máis de 1.300 metros cadrados de terreo, agora propiedade da Igrexa e que a administración local pretende recuperar ao seren “de dominio público e titularidade do Concello”. No escrito enviado ao Arcebispado, e ao que tivo acceso Praza, a Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda “insta” a autoridade relixiosa “á rectificación voluntaria da inmatriculación” dos devanditos terreos ao seren de propiedade municipal “en virtude do acordo de cesión realizado mediante o convenio asinado entre o Concello e o Instituto Galego da Vivenda e Solo” hai xa 25 anos.

Refírese a reclamación a unha praza fronte á parroquia da Resurrección situada no Barrio das Flores e que ocuparía 678 metros cadrados, así como unha zona das rúas achegadas e máis o adro ou praza situadas xunto á Igrexa de Santiago e á colexiata de Santa María, ambos os dous espazos situados na Cidade Vella e que ocuparían 256 e 470 metros cadrados respectivamente.

A reclamación refírese á praza fronte a unha parroquia do Barrio das Flores e a varias rúas e o adro de dúas igrexas da Cidade Vella

Trátase, como aclaran fontes municipais, da reclamación de terreos importantes “que a Igrexa se auto-adxudicou, pero que en realidade son municipais”. Nos tres casos, e tal e como explica a circular enviada ao Arcebispado, o Concello recolleu información sobre as inmatriculacións feitas pola Diócese de Santiago “por se puidesen incluírse espazos de dominio público local”. Examinados os arquivos municipais, a Técnica de Administración Xeral do Departamento de Patrimonio Urbanístico comprobou que se inmatricularan espazos que eran de propiedade municipal.

O Arcebispado ten dous meses de prazo para rectificar as matriculacións indebidas e non enfrontarse a unha demanda xudicial

En consecuencia, e baseándose na Lei de Patrimonio das administracións públicas -que obriga á “inscrición rexistral” por parte dos entes públicos dos seus bens patrimoniais- e na Lei de Bases de Réxime Local -que obriga a que os concellos “exerzan as accións necesarias para a defensa dos seus bens e dereitos”- a administración local decidiu instar o Arcebispado a que rectifique os rexistros levados a cabo irregularmente.

O Concello da Coruña dá un prazo de dous meses á Igrexa para que proceda á rectificación das inmatriculacións indebidas, tendo o Arcebispado quince días para presentar alegacións. No caso de non haber resposta, a administración local acudirá á vía xudicial.

As polémicas inmatriculacións

A reclamación na Coruña non é nin será a única. A Igrexa en España, sobre todo a partir de 2003, participou con ímpeto no boom inmobiliario. Unha reforma da lei hipotecaria de 1998 durante o goberno de Aznar permitiulle en exclusividade inscribir lugares de culto e outras propiedades que non estivesen rexistradas. Chegou a rexistrar unhas 4.500 propiedades ao seu nome aproveitando que as certificacións e testemuñas que esixía a burocracia para estas actividades foi substituída por unha simple certificación do Bispado sen necesidade de posuír título de dominio ningún sobre o ben. Un dos casos máis polémicos foi o da Mezquita de Córdoba.

Unha reforma de hai poucos meses desta lei hipotecaria eliminou este privilexio á Igrexa, pero sen carácter retroactivo, o que provocou as protestas de numerosos colectivos, que levaron o caso ao Parlamento Europeo. Sexa como for, no caso da Coruña, o Concello insta á rectificación da Igrexa ao comprobar que os bens que aproveitara para inmatricular non eran en realidade seus, senón de dominio público, polo que terá que devolvérllelos aos cidadáns.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s