Apróbase o PDR de Galicia 2014-2020

18/11/2015-Galicia Digital

Co apoio das achegas comunitarias do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), os principais obxectivos deste programa son fomentar a competitividade da agricultura galega, promover a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático e mellorar a calidade de vida da poboación rural.

desarrollo_ruralA Comisión Europea aprobou o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Neste novo período de financiamento comunitario, a nosa Comunidade percibirá un total de 889,8 millóns de euros do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da política agraria comunitaria. Isto suporá un desembolso público de 1.186,4 millóns de euros no rural galego a través deste programa. Deles, a Xunta aportará un importe superior a 217 millóns de euros e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente achegará outros 79 millóns de euros.

Este novo PDR dá continuidade á política en materia de desenvolvemento rural que ven realizando a Xunta co apoio das achegas comunitarias do Feader, máis concretamente a través do Programa de Desenvolvemento Rural 2007-2013, que rematará a súa vixencia a finais de 2015.

O documento que hoxe obtivo luz verde de Bruxelas establece 3 liñas básicas de actuación, en concordancia cos obxectivos definidos pola Política Agraria Común. En primeiro lugar, fomentar a competitividade da agricultura galega mediante a modernización das explotacións agrícolas e forestais, incorporando agricultores mozos en explotacións orientadas ao mercado e con capacidade de diversificación económica, ordenando o territorio e mellorando a produtividade da industria agroalimentaria e forestal. En segundo termo, conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promovendo a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático. E, en terceiro lugar, mellorar a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza.

O PDR céntrase de maneira especial no fomento da remuda xeracional no agro galego. Deste xeito, destinará 66,8 millóns de euros para apoiar aos mozos e mozas que queiran instalarase para desenvolver actividades agrícolas. Por outra banda, a mellora das explotacións contará cun apoio de máis de 166 millóns de euros. Estas liñas están acompañadas do apoio ás pequenas explotacións con 14,4 millóns de euros e de axudas á creación de agrupacións de produtores que permitan mellorar a posición negociadora fronte ao mercado con outros 5,3 millóns.

Ademais, para a mellora dos accesos ás explotacións e da súa base territorial investiranse 57,4 millóns de euros, destinados a infraestruturas relacionadas con desenvolvemento, adaptación e modernización da agricultura e a silvicultura (concentración parcelaria e camiños).

Outro apartado do PDR é o relativo ao apoio á industria agroalimentaria para permitir a vertebración do sector primario incrementando o valor engadido das producións agrícolas e gandeiras, para o que se contará con máis de 94,7 millóns de euros. Nesta liña, as indicacións xeográficas protexidas e as denominacións de orixe disporán dun apoio de 15,84 millóns de euros.

O impulso do sector forestal é outro eixo prioritario deste programa. Así, para investimentos en tecnoloxías forestais haberá un total de 53,4 millóns. Para o establecemento e mantemento de superficies forestais (forestación) o orzamento é de 49,3 millóns de euros e para investimentos destinados a aumentar a resiliencia e o valor medioambiental dos ecosistemas forestais (investimentos forestais de carácter ambiental) a achega elévase a 18,7 millóns de euros.

O PDR de Galicia considera que un medio rural dinámico non depende só do sector agroforestal, polo que a Xunta aposta tamén pola dinamización da poboación rural a través do investimento, creación e desenvolvemento de actividades non agrícolas con preto de 26,3 millóns de euros. O mantemento da poboación agraria nas zonas de montaña ou con outras limitacións naturais recibirá un apoio de máis de 116 millóns de euros.

O desenvolvemento dunha agricultura e gandería sostibles e respectuosas co medio ambiente e os recursos naturais é tamén unha prioridade do Goberno galego. Con esta medida apóianse actuacións encamiñadas a prácticas extensivas de gandería de vacún de carne e leite, apicultura e razas autóctonas en perigo de extinción de pastos. A achega será de 65,3 millóns de euros, aos que hai que engadir que, por primeira vez, se poña en marcha unha liña especificamente dirixida á produción de agricultura ecolóxica cun apoio de 12,7 millóns de euros para o conxunto do período.

O programa apostará tamén pola participación grazas ao enfoque Leader, mediante o que a poboación rural será a protagonista definindo ela mesma a súas estratexias de desenvolvemento local. Porase ao servizo do desenvolvemento local un orzamento de 84 millóns de euros.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s