Finalmente os montes Can de Carracedo e Chan de Salgueiro, do concello de Ortigueira (A Coruña) non son clasificados como veciñais

EDICTO do 10 de xullo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade ao acordo polo que se resolve o recurso de reposición presentado contra a Resolución do 28 de novembro de 2014, pola que se acordou non clasificar como veciñais os montes Can de Carracedo e Chan de Salgueiro, en favor dos veciños da parroquia de Santa María de Mera, do concello de Ortigueira (A Coruña)

 

vista_aerea_ortigueiraPara os efectos previstos no artigo 60.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 10 de xullo de 2015, adoptou o seguinte acordo:

Antecedentes de feito:

1º. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña acordou, por resolución do 28.11.2014, non clasificar como veciñal en man común os montes Can de Carracedo e Chan de Salgueiro a favor dos veciños da parroquia de Santa María de Mera do concello de Ortigueira, ao non resultar acreditado coa documentación contida no expediente administrativo que os devanditos montes estean aproveitados polos veciños da citada parroquia como grupo social e en réxime de comunidade. A devandita resolución foi notificada aos promotores a través do seu representante o 29.12.2014 e publicada no DOG do 14 de xaneiro de 2015.

2º. Contra a devandita resolución o representante da xunta promotora designada para a tramitación do expediente, en nome dos veciños da parroquia de Santa María de Mera, presentou un recurso de reposición o 30.01.2015 alegando o que consideraron conveniente na defensa dos seus dereitos, e reiterando o que xa manifestaran durante a tramitación daquel que, en síntese, se resume en:

– Que se achegou ao expediente unha acta notarial na cal os veciños da parroquia declaran de modo preciso, reiterado, claro e sen dúbida que desde tempo inmemorial veñen aproveitando o monte nos seus diversos usos de modo común, sen cotas, sen pagamento de ningunha renda, tanto eles coma os seus antepasados.

– Que no informe elaborado polo Servizo de Montes do 30.12.2013, di que a solicitude de monte polos veciños de Santa María de Mera é o que queda do monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro, que foi deslindado pola Orde ministerial do 4 de xuño de 1970 e que, segundo a carpeta ficha, pertence á parroquia de Mera, representada polo concello de Ortigueira. Neste caso non se fai distinción porque antigamente soamente había unha parroquia de Mera (que é Santa María de Mera).

– Que no informe do Servizo de Montes «non nos consta que existise de forma consuetudinaria aproveitamento forestal e, na actualidade, non se vén realizando aproveitamento forestal, ou doutro carácter… podemos comentar que o único aproveitamento veciñal podería ser o pastoreo libre de gando cabalar dalgún veciño de Santa María de Mera».

Respecto disto –alegan– que cando estes veciños falan de aproveitamento forestal, refírense ao aproveitamento de leña, é dicir, toxos e esquilmos para as cortes. Pois con anterioridade ao deslindamento e plantación polo ICONA e a consellería, o monte –segundo os veciños– era moi ruín, pouco produtivo polo alto e ventoso. Por este motivo, segundo o dicir das persoas maiores, só había toxos e breixos, e se algunha árbore medraba era na ribeira dos regatos que baixan do monte.

– Que por consuetudinario entendemos referido ao costume e, como din os vellos do lugar, era costume pastorear gando, cortar toxo para leña e esquilmos, buscar a chamada pedra morta ou pedra tizón para construír as bóvedas dos fornos nas casas. Por iso, en todas as casas de Mera de Arriba teñen a bóveda do forno construída con esta pedra, que se achaba nunha zona concreta do monte que agora se solicita.

– O pastoreo de gando ovino, cabalar e vacún descendeu notablemente nos últimos trinta anos na zona ata case desaparecer, pero non só no lugar de Mera de Arriba, senón en todo o concello.

– No canto á alegación do Concello de Ortigueira das dúbidas que tiñan os solicitantes sobre o monte que pretendía a clasificación, defenden que os veciños teñen claro ata onde chegaba o seu monte, aínda que parte deste estivese xa clasificado en favor doutros veciños e con independencia de facer as reclamacións oportunas respecto destas parcelas.

– Outro uso mancomunado do monte é a existencia dun muro que o delimita na parte baixa. A finalidade deste –realizado con cachotaría– era evitar que o gando que estaba no monte saltase ás terras de labor e acabara coas colleitas. Aínda agora existe un curro construído de madeira e empregado para marcar as cabezas de gando. Tamén existen no perímetro reclamado depósitos de auga realizados no seu día polas persoas que pastoreaban o gando.

– Que a condición veciñal do monte, segundo o artigo 1 da Lei 13/1989, vén determinada por dous parámetros básicos: aproveitamentos consuetudinarios e titularidade colectiva; no expediente que nos ocupa danse as dúas con claridade, aínda que se puidese dar tamén certa intervención sobre o monte por parte das autoridades municipais no uso das súas potestades de xestión, policía e tutela.

– Que na Orde de deslindamento de 1970 dos montes Can de Carracedo e Chan de Salgueiro atribúe a titularidade ás parroquias de Santo Adrao, Santiago de Mera e Santa María de Mera, e así como nos dous primeiros casos se recoñeceu a condición de veciñal de parte do monte Can de Carracedo, tamén ten a mesma condición o monte que se pretende clasificar neste expediente en favor dos veciños de Santa María de Mera. Os veciños das parroquias aproveitaban este monte, acudindo cada un á zona que lle quedaba máis perto da casa.

3º. Do recurso de reposición presentado deuse traslado ao Concello de Ortigueira como interesado no expediente, segundo o establecido no artigo 112 da Lei 30/1992 e, no prazo conferido para realizar alegacións, o seu representante manifesta mediante escrito do 26.2.2015, en síntese, que se desestime o recurso de reposición por canto as alegacións formuladas son basicamente as mesmas que xa constan no expediente e que foron valoradas polo Xurado ao ditar a resolución impugnada.

Fundamentos de dereito:

1º. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer destes recursos en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

2º. Procede a admitir a trámite o recurso de reposición interposto por terse presentado dentro do prazo regulamentario e cumprir cos requisitos exixidos polo artigo 117.1 da citada Lei 30/1992.

3º. A resolución do Xurado do 28.11.2014, agora impugnada, fundamentaba a súa decisión en que da documentación que constaba no expediente non quedaba acreditado o aproveitamento en común polos veciños da parroquia solicitante, con apoio nos informes do Servizo de Montes e Distrito Forestal e na carencia de documentación achegada que fundamente a condición veciñal. No escrito do recurso de reposición presentado contra a resolución do Xurado non se aprecian circunstancias que poidan motivar a súa estimación xa que se expoñen argumentos similares aos esgrimidos durante a tramitación do expediente e xa estudados e valorados polo Xurado ao ditar a resolución impugnada.

Por conseguinte, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e co seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta do instrutor e por maioría dos asistentes con dereito a voto, este Xurado

ACORDA:

Desestimar o recurso de reposición interposto polos veciños da parroquia de Santa María de Mera do concello de Ortigueira contra a resolución do Xurado, do 28 de novembro de 2014, pola que se acordou non clasificar como monte veciñal en man común os Can de Carracedo e Chan de Salgueiro a favor dos veciños da parroquia de Santa María de Mera, confirmando integramente a resolución impugnada.

Notifíquese a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


DOG nº152 do 12 de agosto de 2015


Noticias relacionadas:

Protocolo de xestión dos montes comunais do Concello de Ortigueira

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s