“O agro ten un gran futuro, por moito que haxa a idea do contrario”

28/05/2015-Campogalego.org

Falamos con Lourenzo Fernández, coordinador de Histagra, un grupo de investigación da historia agraria de Galicia que propón o coñecemento do pasado como vía para descubrir oportunidades futuras

campogalegoDe que serve a historia? “A xente pensa que a historia non serve para nada” -recoñece Lourenzo Fernández-. “Sen embargo, a historia dános unha gran capacidade para pensar os problemas do presente desde o pasado”. En Histagra (Universidade de Santiago), un grupo de investigación de historia agraria que coordina Lourenzo, traballan 25 persoas, entre persoal docente e investigadores, que están a producir un inxente coñecemento sobre o pasado do agro galego, un material que, aseguran, pode contribuir á busca de oportunidades de futuro no rural.

Histagra coordina ademais a rede Revolta, na que participan outros cinco grupos de investigación de universidades galegas, todos eles cunha preocupación común, reflexionar sobre os problemas do agro. No seu labor, contan, atopáronse cun mundo rural vizoso e con moita xente no campo que está a desenvolver iniciativas innovadoras. “Descubrimos que o agro ten un gran futuro” –asegura Lourenzo-, “por moito que estea extendida a idea do contrario, de que está en retroceso, abandonado e de que non entra por novas vías”.

“Un dos principais lastres que arrastramos é sobre todo de percepción”

 A progresiva redución do peso do sector lácteo xerou en parte esa idea derrotista de que nada se pode facer.
– Un dos principales lastres que arrastramos é sobre todo de percepción. Hai moitos tópicos arredor do agro, como a percepción do atraso, a idea de que non podemos entendernos, que non é posible cooperar ou esa frase machacona de que o traballo no agro é moi escravo. Será escravo, pero que traballo non é escravo hoxe en día? Estas ideas, que actúan como pexas, son unha herencia recibida, pero a herencia tamén conta con elementos que poden funcionar como impulsores.

 Por exemplo.
– Se alguén non conseguira no pasado a propiedade da terra, hoxe non habería as explotacións leiteiras que temos. Que pasou en Galicia con todas as propiedades dos señores que tiñan as casas fortes e os pazos, e antes as fortalezas?. Todo ese mundo desapareceu e esa propiedade veu para nós. Neste momento temos en Galicia 1,7 millóns de propietarios rústicos. Como explicas esa diferenza con outros sitios, como Andalucía? O pasado explica esta situación, que é positiva, como tamén había elementos positivos no manexo do territorio e no manexo agrario que merecen ser recuperados. Se quixeramos avanzar cara explotacións menos intensivas, iso témolo moi fácil porque os vellos aínda saben como facelo. Non necesitamos que os cataláns ou os finlandeses nos veñan a explicar que é a agricultura ecolóxica porque témola no noso pasado recente.

“A idea do atraso no agro é dos anos 70. Ata o 1935 tiñamos unha agricultura punteira a nivel europeo”

 Nos vosos traballos analizades a agricultura orgánica galega do primeiro terzo do século XX e concluides que acadou uns niveis de produtividade por riba da media española. Falades dunha agricultura punteira a nivel europeo que choca un pouco con esa idea do atraso no agro.
– A idea do atraso no agro é dos anos 70, non é a historia. Naquel momento o que diagnostican os economistas e os servizos de Extensión Agraria é que estamos atrasados e Beiras explícao moi ben. Di, ‘estamos atrasados porque estamos nos mesmos niveis en 1970 que en 1935’. Pero se miras os indicadores de 1935 e miras a evolución anterior, daste de conta de que estabamos nunha agricultura hiperprodutiva, cun crecemento modélico no conxunto español e europeo, e nun marco de agricultura orgánica que incorporou a ciencia e foi capaz, por exemplo, de crear a raza rubia galega e de mellorala e facela específica para Galicia. Fan unha raza para carne, que é o que exportabamos. Daquela introdúcese tamén a máquina de mallar e os millos híbridos. Tiñamos unha agricultura produtiva e innovadora.

“Chámame a atención que despois de 60 anos, a xente aínda siga defendendo as concentracións parcelarias”

 Logo da Segunda Guerra Mundial chegaría a chamada revolución verde, coa progresiva mecanización, a introdución de agroquímicos e a especialización leiteira en Galicia.
– A diferenza de antes da Guerra Mundial, había un modelo, o de Extensión Agraria, que vai ligado á concentración parcelaria. O que me chama a atención é que despois de 60 anos daquilo aínda haxa xente que siga defendendo que a concentración parcelaria é fundamental en Galicia. Non podemos seguir dicindo o mesmo que hai 60 anos. Se a máquina é moi grande para unha finca, haberá que facer coma os italianos, que meten unha máquina máis pequena. Cal foi a gran revolución da agricultura a tempo parcial das Rías Baixas? O chimpín. Quen o inventou? Os italianos, porque a agricultura da zona norte de Italia é moi parecida á galega. O minifundio en Galicia permitiu ata os anos 30 unha agricultura hiperprodutiva, que estaba baseada na rotación de moitos produtos distintos e no esterco.

“Hai que devolverlle o aprecio da aldea á xente. A cuestión é se non nos servirá o pasado para pensar no futuro”

 Falas en positivo dun pasado que a nivel social é un pouco descoñecido ou que directamente é desprestixiado. Cres que daquilo pode recuperarse algo?
– Non é un problema de desprestixio, é un problema de desprecio. Á xente hai que devolverlle xustamente o aprecio da aldea e está habendo moitas iniciativas nese sentido que están saíndo da xente nova. A pregunta a estas alturas é se non nos servirá o pasado e o recoñecemento de cousas que se fixeron no pasado para pensar nun futuro sustentable, nunha agricultura máis ecolóxica. Temos un saber e unha capacidade endóxena en nós mesmos que non estamos aproveitando. Só con preguntarlles ás vellas como facían o esterco xa non ten que vir ninguén a explicarnos como se fai o compost.

 Ás veces a idea da agricultura ecolóxica ten mala prensa entre parte dos produtores convencionais, que non consideran que sexa un modo de produción viable como xeito de gañarse a vida.
– Esa visión hai que cambiala. Estamos nun país dunha agricultura ecolóxica que era potente e produtiva ata antonte. A iso sempre lle chamamos agricultura tradicional. Hoxe en día non serve tradicional e hai que chamarlle orgánica, que é o que é, unha agricultura exenta de agroquímicos e sostible, que se segue practicando nos hortos do rural. Pensar que a agricultura ecolóxica non é viable é un erro, como demostra Andalucía, que é o primeiro produtor de Europa en agricultura ecolóxica, principalmente gracias ó olivar. O vacún de carne, cun modo de produción en extensivo, é o noso olivar.

“Se ti vas ver os hortos dos vellos, xa ninguén ten que vir explicarche como se fai a agricultura ecolóxica”

 Sen embargo hai como unha escisión entre os dous mundos, o ecolóxico e o convencional. 
– Total. Hai unha escisión absoluta, que é un erro brutal. As explotacións que principalmente manexan o territorio en Galicia, que son as lácteas, das que viven moitas familias e que para min merecen todo o respeto, son compatibles co outro. Onde hai abandono sobra sitio para proxectos de base ecolóxica. Tamén en parte dos produtores ecolóxicos hai un afastamento do noso saber tradicional. Se ti vas ver os hortos que teñen os vellos, xa non tes que preguntarlle a ningún ecoloxista como se fai, xa che di como hai que facer as cousas. Mira, eu recordo un axente de Extensión Agraria que me contaba hai 20 anos, ‘non hai forma de convencer a esta xente de que deixe de labrar o millo; co barata que está a soia, están tolos’. E eu dicíalle, ‘pero ti non cres que o farán porque saben tanto coma ti?, ou por que lles sae a conta?’.

 A idea hexemónica no agro, máis que pola agroecoloxía, dá a impresión de que vai pola liña da última década. Hiperespecialización, explotacións de gran tamaño, etc.
– O futuro non é ese. De que te enteras na universidade? Entéraste de como vai ser o futuro porque sabes o que se vai financiar. Que vai financiar a UE, que medidas se adoptan na cumbre de Río. Todas estas cuestións apuntan a que non se vai financiar nin se está financiando xa unha agricultura hiperintensiva. Iso é unha rémora do pasado. A estas alturas, cal é o futuro? O futuro do leite en Galicia ten que ser un futuro máis sustentable. Eu estou na asociación Terra e Leite porque creo nos leiteiros, pero tamén penso que hai que poñerlles deberes sociais, ambientais e de xénero. Non é que o diga eu, é que o di o mundo.

 Esa é un pouco a vía que se comeza a abrir na nova PAC co pago verde, ou coas medidas de benestar animal.
– Claro. Lembro cando a inicios dos 90 estiven nunha estadía no Reino Unido e alí xa se planteaba o problema do benestar animal, que era algo que aquí daquela nos podía sonar a debate de señoritos. Pasaron 25 anos e aquí tamén estamos na mesma. Se falas do benestar animal con calquera profesional do agro, dirache que ninguén trata tan ben ós animais coma o que ten animais. Entón, trátase de acomodar un rasgo cultural noso cunha norma.

“Ninguén trata tan ben ós animais coma o gandeiro. Entón, é só acomodar un rasgo noso cunha norma de benestar animal”

Hai normativas que igual agora nos parecen ridículas, pero tamén nos parecía ridículo o cinturón de seguridade no coche ou non fumar nas cafeterías. O mundo vai por aí e eu creo que a nosa obriga é poñer á xente diante do futuro que vén. O leite temos que salvalo como sexa, non pode perderse unha explotación máis, pero os gandeiros deben pensar que teñen que revertir na sociedade. Teñen unha gran responsabilidade porque manexan o principal territorio produtivo que hai en Galicia. A alternativa ó leite é que expanda a superficie abandonada e que nos coman os incendios.

“Os gandeiros teñen que asociarse para algo máis que poñerlle prezo ó leite”

 Falas de responsabilidade ambiental dos gandeiros de leite, pero tamén de responsabilidade social. Explícanos esa idea.
– Cando baixa o leite, os gandeiros protestan e podemos dicir que estamos de acordo, pero cando sobe o leite ás veces á porta das casas semella que tocou a lotería. Se de verdade se comportan como unha empresa, teñen que repartir. Onde está a acción social do leite en Galicia? O último congreso no que estivemos en Suiza estaba financiado pola asociación suiza de gandeiros. Aquí asócianse? Danlle algo á sociedade? A sociedade ten que poder dialogar cos gandeiros. Eu creo que teñen que comezar a asociarse para algo máis que para poñerlle prezo ó leite. A parte que non se asocian, chaman ó sindicato para que chore por eles.

 Esa cultura da queixa está tamén moi arraigada.
– A cuestión é que a xente aprendeu que queixarse funciona. E se funcionou durante máis de douscentos anos, por que van deixalo agora? Como se defendían os nosos tataravós cos señores que manexaban a política, os concellos, tiñan os foros e tu eras o escravo. Pois defendíanse coa queixa, coa lástima e tamén coa protesta, porque o agrarismo –que loitou pola redención dos foros- non é queixa, é protesta e organización social.

“Hai xente que está facendo cousas no agro que xa chegou a unha conclusión. Non quere saber nada da Administración”

 Ese é outro dos mitos do pasado, que o agro non protesta.
– É o que dicía Castelao, o agro non protesta, emigra. Iso é verdade cando el o di, no ano 1935, pero non a nivel xeral. De todos os xeitos, na actualidade atopamos unha cousa que me chama moito a atención e é que hai xente que está facendo cousas no agro que xa chegou a unha conclusión, que non quere saber nada da Administración, que pensa que o camiño que lle marcan desde arriba é unha rémora e que decide facer as cousas por si mesmo, cun crédito e adiante. A min iso paréceme un triunfo, un triunfo social. Temos xente no grupo que di que iso non é de todo certo porque ese profesional se pode ter acceso a axudas, xestiónaas. Vale, pero o que é importante é a actitude, é unha actitude nova de querer facer cousas a pesar dos atrancos que haxa.

“Tivemos un pasado cooperativo potente. Fracasamos? Home, si, houbo unha guerra civil e cortouse un tipo de modelo”

 Seguindo co tema dos tópicos do agro galego, tamén está aquel de que o cooperativismo non é posible. Lembro que Higinio Mougán (Agaca) cando tenta convencer á xente do potencial do cooperativismo lácteo, sempre o compara co cooperativismo vitivinícola, que tamén é galego…
– Sabes a diferenza? Que o viño é unha experiencia nova que ocurre sen que ninguén diga ‘Non vades poder. Iso xa o intentei eu e non fun capaz’. O viño comezou nos anos 80, nos anos 90. Que pasa en Galicia co leite? O do leite xa comezou no primeiro terzo do século XX e vai ser interrumpido no 1936. Daquela había un modelo empresarial –a factoría de Nestlé implántase daquela en Galicia- e tamén un modelo cooperativo, con casos como o do matadeiro do Porriño, que nace a finais dos anos 20 e que se chamaba Marucoga (Matadeiros Rurais Cooperativos Galegos). Marucoga foi creado polas cooperativas agrarias do sur de Pontevedra; é un exemplo dun pasado cooperativo potente. Fracasamos? Home, si, houbo unha guerra civil, cortouse un tipo de modelo e establecéronse un tipo de cooperativas que son outras distintas, que son as Uteco, do sindicato vertical, e nun contexto que xa non ten nada que ver co do libre mercado, libertades, asociacionismo, senón cunha dictadura. E aí de que cooperativa falamos? Da de Franqueira (Coren), e logo nese mesmo contexto nace Feiraco. Por que nacen? Porque en ambos casos hai un gran home, un mestre e un rexistrador de propiedade que cren niso. De onde veñen os dous? De antes da guerra.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s