Exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública do monte Cadaval, Ruña e outros. Concello de Mazaricos (A Coruña)

ORDE do 15 de maio de 2015 pola que se declara a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Cadaval, Ruña e outros, situado no concello de Mazaricos, provincia da Coruña.

MazaricosAntecedentes.

1. O monte Cadaval, Ruña e outros, do concello de Mazaricos, inscribiuse no Catálogo de montes de utilidade pública (CUP) co número 103-D. A Orde ministerial do 20 de decembro de 1954 aprobou o seu deslindamento, cunha superficie de 1.169,70 ha de cabida pública (1.163,10 ha segundo os planos máis recentes do Servizo de Montes da Coruña).

2. O día 18 de novembro de 1972 a Sala Segunda do Civil da Audiencia Territorial da Coruña declarou que unha parcela situada dentro do monte Cadaval, Ruña e outros era de propiedade privada de Manuel Pais Pais e outros (sentenza 192/72). O avogado do Estado presentou un recurso de casación que foi declarado caducado e perdido o 19 de xullo de 1973 pola Sala do Civil do Tribunal Supremo. Segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña esta parcela ten unha superficie de 77,00 ha.

3. O día 22 de abril de 1988 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) da Coruña clasificou o monte Fornís e Loureiro a favor dos veciños do lugar de Fornís e Loureiro. Segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña este monte tiña unha superficie de 211,90 ha incluída no perímetro do monte de utilidade pública (MUP) Cadaval, Ruña e outros.

4. O día 22 de xuño de 1989 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte Xestoso a favor dos veciños do lugar de Xestoso. Segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña este monte tiña unha superficie de 42,00 ha incluída no perímetro do MUP Cadaval, Ruña e outros.

5. O día 14 de decembro de 1994 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou parte do monte Cadaval, Ruña e outros a favor dos veciños dos lugares de Paxareiras e Recarea. Segundo a resolución de clasificación as 297 ha deste monte (292,20 ha segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña) están incluídas no perímetro do MUP Cadaval, Ruña e outros.

6. O día 1 de xullo de 1996 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte Manda a favor dos veciños do lugar de Manda. Segundo a resolución de clasificación as 374,00 ha deste monte (288,00 ha segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña) están incluídas no perímetro do MUP Cadaval, Ruña e outros.

7. O día 16 de decembro de 1996 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte de Suevos a favor dos veciños do lugar de Suevos. Segundo a resolución de clasificación as 106,00 ha deste monte (90,00 ha segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña) están incluídas no perímetro do MUP Cadaval, Ruña e outros.

8. O día 12 de xullo de 2001 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte de Corrubedo a favor dos veciños do lugar de Corrubedo. Segundo a resolución de clasificación as 96,00 ha deste monte (96,00 ha segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña) están incluídas no perímetro do MUP Cadaval, Ruña e outros.

9. O día 24 de maio de 2007 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte Xestoso-Pedrouzo a favor da comunidade de Xestoso, parroquia de San Mamede de Carnota. Segundo a resolución de clasificación 11,66 ha deste monte (11,66 ha segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña) están incluídas no perímetro do MUP Cadaval, Ruña e outros.

10. A Orde do 14 de febreiro de 1997, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (Diario Oficial de Galicia do 3 de marzo), excluíu do CUP por ter quedado firme a resolución do Xurado Provincial de Montes que o clasifica como veciñal en man común, o MVMC Cadaval, Ruña e outros, da CMVMC de Paxareiras e Recarea.

11. A Orde do 5 de setembro de 1997, da Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes (Diario Oficial de Galicia do 9 de outubro), excluíu do CUP por ter quedado firme a resolución do Xurado Provincial de Montes que os clasifican como veciñais en man común, os MVMC Manda e de Suevos.

12. A Orde do 12 de decembro de 2002, da Consellería de Medio Ambiente (Diario Oficial de Galicia do 27 de xaneiro), excluíu do CUP por ter quedado firme a resolución do Xurado Provincial de Montes que o clasifica como veciñal en man común, o MVMC de Corrubedo.

13. Non consta a formalización da exclusión do CUP das parcelas que pasaron a formar parte dos MVMC Fornís e Loureiro, Xestoso e Xestoso-Pedrouzo, nin das que se declararon de propiedade privada por medio da sentenza 192/72.

14. O día 14 de xuño de 2013 a xefa do distrito forestal V informou de que a superficie residual do monte público Cadaval, Ruña e outros (54,34 ha segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña) non cumpre con ningún dos supostos que se mencionan no artigo 27.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de acordo cos cales un monte pode ser incluído no Catálogo de montes de utilidade pública, polo que procedía iniciar os trámites para excluír o monte do CUP.

15. O día 17 de xuño de 2013 o Servizo de Montes da Coruña notificou un trámite de audiencia ao Concello de Mazaricos (titular do monte), en aplicación do artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo transcorreu sen que se presentasen reclamacións ou alegacións.

16. O día 22 de xullo de 2013 o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña informou de que, en aplicación do artigo 13 da Lei 13/1989 e 28.1 da Lei 7/2012, procede excluír o monte Cadaval, Ruña e outros do Catálogo de utilidade pública da provincia da Coruña, por terse declarado de propiedade privada a maior parte da súa superficie, e por ter desaparecido na superficie restante as causas que motivaron a súa declaración.

17. O día 15 de abril de 2015 o secretario xeral do Medio Rural e Montes, tendo en conta o informe-proposta do Servizo de Montes da Coruña, propuxo a declaración da perda da condición de utilidade pública e a conseguinte exclusión do catálogo de montes de utilidade pública do monte Cadaval, Ruña e outros (nº 103-D).

18. O día 12 de maio de 2015 a Asesoría Xurídica emitiu un informe sobre esta orde.

Consideracións legais e técnicas.

1. O artigo 16.2 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, atribúe á competencia das comunidades autónomas a exclusión de montes no Catálogo de montes de utilidade pública e o mantemento deste catálogo.

Este mesmo artigo obriga as comunidades autónomas a dar traslado ao ministerio competente na materia das actuacións que impliquen modificacións no catálogo.

2. O artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula o procedemento para a exclusión dun monte do catálogo:

«Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a Administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública».

Neste caso tramitouse o procedemento consonte o indicado.

O día 14 de xuño de 2013 a xefa do distrito forestal V informou de que a superficie residual do monte Cadaval, Ruña e outros non cumpre con ningún dos supostos que se mencionan no artigo 27.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. No dito informe concreta que esta superficie residual do monte Cadaval, Ruña e outros na actualidade non está comprendida en ningún dos supostos para poder ser declarada de utilidade pública, que son os seguintes:

– Os que sexan esenciais para a protección do solo fronte aos procesos de erosión.

– Os localizados en cabeceiras de bacías hidrográficas e os que contribúan decisivamente á regulación do réxime hidrolóxico.

– Os que se encontren nas áreas de actuación prioritaria para os traballos de conservación dos solos fronte a procesos de erosión e de corrección hidrolóxico-forestal e, en especial, as dunas continentais.

– Os que eviten ou reduzan os desprendementos de terras ou rochas e o aterramento de encoros e aqueles que protexan cultivos e infraestruturas contra o vento.

– Os que se encontren nos perímetros de protección das captacións superficiais e subterráneas de auga.

– Os que se encontren formando parte de tramos fluviais de interese ambiental e os necesarios para acadar os obxectivos dos plans hidrolóxicos.

– Os localizados en áreas forestais declaradas de protección dentro dun plan de ordenación de recursos naturais ou dun plan de ordenación de recursos forestais.

– Os que sexan destinados á repoboación ou mellora forestal con fins de protección.

– Os que contribúan ao mantemento da diversidade biolóxica, á protección da fauna e da flora e os que formen parte da Rede galega de espazos naturais protexidos.

– Os que formen masas arbóreas de especial interese na conservación do patrimonio xenético forestal ou na prevención de incendios forestais.

– Os que se vinculen á satisfacción de intereses xerais.

– Os que, estando incluídos dentro das zonas de alto risco de incendios, sufrisen incendios forestais ou cuxo potencial forestal se vise afectado de forma substancial pola dita causa.

– Os que amosen valores forestais de especial significación.

– Os que sexan destinados á restauración, repoboación ou mellora forestal co fin de protexer os montes protectores ou outras figuras de especial protección.

3. O artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establece que a resolución firme de clasificación dun MVMC produce, entre outros, o efecto de servir de título para excluílo do CUP.

Procede excluír do Catálogo de utilidade pública da provincia da Coruña as superficies que se declararon de propiedade veciñal en man común e a que, por sentenza firme, se declarou que non é de propiedade pública.

4. O artigo 30.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vincula a exclusión dun monte ou parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública, coa súa perda da condición de utilidade pública.

5. O artigo 30.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que as reclamacións sobre exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. O artigo 30 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, atribúe a competencia para a exclusión dun monte ou de parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública á consellería competente en materia de montes.

De acordo con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, número 103-D, do monte Cadaval, Ruña e outros, situados no concello de Mazaricos (A Coruña), e que inclúe as superficies que se relacionan a seguir:

– 77,00 ha por terse declarado de propiedade privada na sentenza 192/72.

– 211,90 ha por clasificación do MVMC Fornís e Loureiro.

– 42,00 ha por clasificación do MVMC Xestoso.

– 11,66 ha por clasificación do MVMC Xestoso-Pedrouzo.

– 54,34 ha residuais do monte Cadaval, Ruña e outros por perder as causas que motivaron no seu día a súa inclusión no catálogo.

2. Dar traslado ao ministerio competente na materia da citada exclusión do catálogo.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición, con carácter potestativo, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.


DOG nº97 do 26 de maio de 2015

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s