Denegación da clasificación como veciñal do monte Chan de Carracedo e Chan de Salgueiro. Concello de Ortigueira (A Coruña)

Edicto do 16 de decembro de 2014, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se lle dá publicidade á resolución sobre a solicitude de clasificación como veciñal do monte Chan de Carracedo e Chan de Salgueiro, da parroquia de Santa María de Mera, no concello de Ortigueira

vista_aerea_ortigueiraPara os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 28 de novembro do 2014, adoptou a seguinte resolución en relación coa solicitude de clasificación como veciñal dos montes Chan de Carracedo e Chan de Salgueiro, promovida polos veciños da parroquia de Santa María de Mera, no concello de Ortigueira:

Antecedentes de feito:

Primeiro. David López Santalla, como presidente da Xunta Promotora dos Veciños do Lugar de Santa María de Mera de Riba do concello de Ortigueira, presenta unha solicitude para a clasificación como monte veciñal do monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro, da parroquia de Santa María de Mera, no concello de Ortigueira. Achega canda a solicitude unha planimetría do monte e unha acta notarial na cal varios veciños maiores da parroquia declaran que os ditos montes viñeron sendo utilizados polos veciños da parroquia desde tempo inmemorial, e tamén actualmente, dependendo o uso desa mesma condición veciñal, como unha comunidade. Este uso, din, estendeuse tradicionalmente a todo tipo de beneficios, aproveitamentos e utilidades do monte, incluíndo os forestais e de pastos, sen que tiveran nunca satisfeito ningunha cota, nin eles nin, polo que saben, os seus antecesores na súa condición de veciños da parroquia, sen concretarse tales usos en cotas ideais ou porcións concretas do dito monte.

Segundo. Á vista de tal solicitude e da documentación achegada ao expediente, o Xurado, na súa reunión do 30.10.2013, acordou iniciar a tramitación do expediente de clasificación co número 421 e nomear o correspondente instrutor. As características do monte son as seguintes:

Monte: Chan de Carracedo e Chan de Salgueiro de Santa María de Mera

Comunidade veciñal: Mera de Riba

Parroquia: Santa María de Mera

Concello: Ortigueira

Superficie: 73,60 ha

As súas estremas, consonte o plano do deslindamento do monte CUP Chan de Carracedo e Chan de Salgueiro de quen procede, son:

Norte: do vértice 369 ao 300 do dito deslindamento do CUP Chan de Carracedo e Chan de Salgueiro, seguindo unha liña recta, co monte veciñal en man común Can de Carracedo de Santiago de Mera (expediente 318).

Este: do vértice 300 ao 340, seguindo a orde destes, do dito deslindamento do CUP Chan de Carracedo e Chan de Salgueiro con propiedades particulares.

Sur: do vértice 340 ao 366, seguindo a orde destes, do dito deslindamento do CUP Chan de Carracedo e Chan de Salgueiro con propiedades particulares.

Oeste: do vértice 366 ao 369, seguindo a orde destes, do dito deslindamento do CUP Chan de Carracedo e Chan de Salgueiro co monte Lume número 227 do CUP.

Terceiro. En cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento do montes veciñais en man común, solicitóuselle, o 4.11.2013, ao Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña informe sobre o monte. O xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común emite un informe o 30.12.2013 no cal manifesta, en síntese, que os montes solicitados abranguen o que queda do monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro, número 236 do Catálogo de utilidade pública. O monte Can de Carracedo foi deslindado segundo a Orde ministerial do 4 de xuño de 1970, publicada no BOP do 11 de novembro de 1971 (ao aprobarse o deslindamento refundiuse neste o CUP número 240 do monte Chan de Salgueiro). En canto á súa titularidade, segundo a súa ficha, consta que pertencía á parroquia de Mera, que vén sendo representada polo Concello de Ortigueira. No elenco de montes con convenio ou consorcio coa Xunta de Galicia consta o monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro, que está consorciado co Concello de Ortigueira co número de elenco C-2038.

Tamén fai constar que no informe do Distrito Forestal I, do 26.9.2013, en canto a se os posibles veciños comuneiros utilizaban tradicionalmente o monte, di que: «non nos consta que existise de forma consuetudinaria aproveitamento forestal e na actualidade non se vén realizando ningún tipo de aproveitamento forestal ou doutro carácter de forma consuetudinaria. A xestión deste monte correspóndelle á Administración forestal desde a existencia do consorcio co Concello de Ortigueira, actualmente aínda en vigor. Podemos comentar que o único aproveitamento veciñal podería ser o pastoreo libre de gando cabalar de propiedade dalgún veciño de Santa María de Mera, que, ao estaren libres, tanto poden ou poderían pastar neste monte como nos montes lindeiros da serra da Capelada».

Conforme o disposto no artigo 21 do Regulamento de montes veciñais, solicitouse a correspondente certificación de asentos ao Rexistro da Propiedade de Ortigueira, que certifica o 5.2.2014 que o monte Can de Carracedo, con 73,60 ha, cos lindes indicados e tal e como se describen no mandamento, non figura inscrito nese rexistro; non obstante, figura inscrita o predio número 32818, chamado monte Can de Carracedo, sito na parroquia de Santo Adrao de Veiga a nome da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Parroquia de Santo Adrao de Veiga, no concello de Ortigueira.

Cuarto. Para lle dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do Regulamento do 4 de setembro de 1992, por orde do instrutor, o 24.2.2014, notificóuse o acordo do Xurado de inicio do expediente de clasificación ao Servizo de Montes, para os efectos de aproveitamentos e de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao alcalde do Concello de Ortigueira, ao cal se lle remitiu edicto do acordo de inicio co fin de que, segundo o disposto no artigo 10 da lei e 23 do Regulamento de montes veciñais en man común, sexa exposto polo período dun mes para os efectos de alegacións dos posibles interesados; ao representante da Comunidade Veciñal de Santa María de Mera solicitante da clasificación e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG núm. 51, do 14 de marzo de 2014).

Quinto. Durante o período de alegacións, o representante do Concello de Ortigueira presenta varios escritos o 15.4.2014 e o 29.4.2014, nos cales solicita que se rexeite a solicitude de clasificación como veciñal do monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro alegando, en síntese:

– Que os veciños solicitantes durante a tramitación do expediente presentaron dúbidas da superficie do monte do que se solicitaba a clasificación e, ademais, non existe no expediente ningún dato, escritura ou documento que permita atribuírlles a propiedade do monte aos veciños da parroquia de Santa María de Mera de Ortigueira. Por outra banda, non queda acreditado ata o momento no expediente a súa condición de veciños comuneiros dos solicitantes. Entende, pois, que non se cumpren os requisitos exixidos polos artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común de Galicia.

– Que o monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro está consorciado entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ortigueira, segundo fai constar o informe do Servizo de Montes, que está repoboado de piñeiros que impiden o recoñecemento dun aproveitamento consuetudinario veciñal segundo sentenzas do Tribunal Supremo que menciona.

– Que existe na superficie do monte unha ocupación dun parque eólico cuxas rendas percibe como propietario o Concello de Ortigueira.

Sexto. Con data do 21.7.2014 requíreselle ao Concello de Ortigueira que remita a certificación da exposición pública do edicto do Xurado polo que se acorda o inicio do expediente de clasificación, ao non ter constancia da súa remisión. Con data do 8.8.2014 o Concello remite certificación da secretaria accidental do concello da exposición pública do edito no correspondente taboleiro de anuncios por un prazo dun mes desde o 15.3.2014 ao 15.4.2014, ambos incluídos.

Sétimo. Con data do 12.8.2014 notifícaselles aos promotores do expediente e ao Concello de Ortigueira que dispoñen dun prazo de dez días, como trámite de audiencia previa á proposta de resolución, para alegaren o que consideren conveniente.

Oitavo. O representante do Concello, mediante escrito do 29.8.2014, insiste en que non queda probado na documentación que consta no expediente o carácter veciñal do monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro, como defenden os veciños da parroquia de Santa María de Mera, quedando demostrado que a titularidade e xestión destes montes é do Concello de Ortigueira.

Pola contra, os promotores do expediente presentan un escrito o 30.8.2014 no cal centran a súa defensa da condición veciñal do monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro en favor dos veciños da parroquia de Santa María de Mera en dous aspectos:

– Que na Orde ministerial do 4 de xullo do 1970 pola que se deslindan os montes Can de Carracedo e Chan de Salgueiro se indica a pertenza dos montes ás parroquias de Santo Adrao, Santiago e Santa María de Mera e, posto que foron declarados parte do monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro en favor das dúas primeiras parroquias, así tamén sobre a mesma base debe declararse veciñal a parte que reclama a parroquia de Santa María de Mera.

– Que existen escrituras de compravenda de predios nas cales se indica como límite o «monte común ou montes comunais da parroquia», das cales achega como proba unha copia.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co contido do artigo 11 da precitada lei e o artigo 19 do seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Santa María de Mera no concello de Ortigueira son parte lexítima para solicitar o inicio do presente expediente de clasificación.

Terceiro. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) que pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, polos membros destes grupos na súa condición de veciños comuneiros; c) que son veciños comuneiros aqueles que sexan titulares de unidades económicas, con residencia habitual nas entidades de poboación ás que tradicionalmente estivese adscrito o aproveitamento do monte e que veñan exercendo, segundo os usos e costumes da comunidade, algunha actividade relacionada con aquel (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento e 56 e 61 da Lei galega 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia).

É, pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común que o Xurado teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se os montes que se pretenden clasificar son aproveitados en réxime de comunidade e sen cotas polos veciños que o solicitan, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes dun grupo social, non como entidades administrativas.

Así, segundo o informe remitido polo Distrito Forestal I do 26.9.2013, elaborado por requirimento do Servizo de Montes, na súa contestación sobre se os posibles veciños comuneiros utilizaban tradicionalmente o monte, di que «non nos consta que existise de forma consuetudinaria aproveitamento forestal e na actualidade non se vén realizando ningún tipo de aproveitamento forestal ou doutro carácter de forma consuetudinaria. A xestión deste monte correspóndelle a Administración forestal desde a existencia do consorcio co Concello de Ortigueira, actualmente aínda en vigor. Podemos comentar que o único aproveitamento veciñal podería ser o pastoreo libre de gando cabalar de propiedade dalgún veciño de Santa María de Mera que, ao estaren libres, tanto poden ou poderían pastar neste monte como nos montes lindeiros da serra da Capelada».

En canto ás escrituras de compravenda presentadas na súa defensa polos veciños comuneiros de posibles parcelas lindeiras coa parte do monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro da que se solicita a clasificación, cómpre sinalar que as escrituras se refiren a predios que están na parroquia de Santiago de Mera (e non na parroquia de Santa María de Mera) e, ao non achegar unha planimetría destas que demostre a estrema co monte do que se solicita a clasificación, non se poden ter en conta como proba do que se pretende.

En consecuencia, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta do instrutor, por maioría dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Non clasificar como monte veciñal a parte do monte Can de Carracedo e Chan de Salgueiro solicitado e identificado no antecedente segundo desta resolución en favor dos veciños da parroquia de Santa María de Mera, no concello de Ortigueira, ao non resultar acreditado, coa documentación que consta no expediente, o seu aproveitamento en común e como grupo social.

Notifíqueselles esta resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.


DOG nº8 del 14 de enero de 2015

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s